Carta Pastoral para a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais 2019

Comunicación auténtica e contacto virtual

Un ano máis, a Igrexa celebra a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, que nesta ocasión xa alcanza a súa LIII edición. O lema escollido é “Somos membros uns doutros” (Ef 4,25). Das comunidades nas redes sociais á comunidade humana”, tal e como se recolle na mensaxe que o Papa fixo público na festa de san Francisco de Sales, patrón dos xornalistas e comunicadores. A carta do papa Francisco describe as luces e as sombras que internet e as chamadas redes sociais proxectan no noso tempo.

O Papa manifesta a preocupación por atopar un sólido fundamento antropolóxico que permita a utilización destes modernos recursos tecnolóxicos para superar o individualismo e chegar a constituír unha auténtica comunidade humana. A mensaxe é clara: “Desde que internet estivo dispoñible, a Igrexa sempre intentou promover o seu uso ao servizo do encontro entre as persoas e da solidariedade entre todos”.

Non é casualidade que a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais se enmarque na festividade da Ascensión, momento histórico en que Cristo resucitado é glorificado á dereita do Pai e os apóstolos asumen a misión de comunicar con palabras e obras a verdade da “boa noticia”. A Igrexa sempre foi comunicadora e utilizou os instrumentos que cada época histórica poñía á súa disposición para transmitir a mensaxe de Cristo. Os evanxelistas: Marcos, Mateo, Lucas e Xoán, son comunicadores.

Hoxe a novo paradigma comunicacional inclúe tamén o que os  expertos chaman “social network community”, é dicir a comunidade das redes sociais. “O ambiente mediático”, escribe o Papa, “é hoxe tan omnipresente que resulta moi difícil distinguilo da esfera da vida cotiá. A rede é un recurso do noso tempo. Constitúe unha fonte de coñecementos e de relacións ata hai pouco inimaxinable”. Non se nos ocultan as potencialidades das redes sociais para comunicarnos instantaneamente ou para recibir información en tempo real de acontecementos afastados. Aprendemos a convivir con estes recursos e non é fácil prescindir deles na vida diaria. Pero a utilización destas novas tecnoloxías implica riscos, algo que vén centrando a atención e a preocupación de moitos expertos e de moitos pais e nais atentos ás consecuencias que todo iso pode ter na formación dos seus fillos. Entre estes riscos están o ciberacoso que sofren moitos menores, a presenza de falsidades e manipulacións na internet ou  as ameazas á privacidade.

Parece evidente, argumenta o Papa, que “no escenario actual, a social network community non é automaticamente sinónimo de comunidade. “O que debería ser unha xanela aberta ao mundo convértese así nun escaparate no que exhibir o propio narcisismo. A rede constitúe unha ocasión para favorecer o encontro cos demais, pero pode tamén potenciar o noso autoillamento, como unha arañeira que atrapa. os mozos son os máis expostos á ilusión de pensar que as redes sociais satisfán completamente no plano relacional; chégase así ao perigoso fenómeno dos mozos que se converten en ermitáns “sociais”.

O noso reto como cristiáns é ser capaces de achegar o noso granciño de area para que o que valoramos realmente como rede se transforme en comunidade. E para iso o centro debe ser a persoa. Non debemos admitir que unha relación que chamamos en termos coloquiais “virtual” substitúa á “comuñón” persoal, ao encontro real, físico, presencial, de corazón a corazón. A comunicación persoal é garantía desa comuñón que nos respecta como persoas e que nos libera de ser meros instrumentos ou obxectos. Exprésao o Papa claramente: “Esta capacidade de comprensión e de comunicación entre as persoas humanas ten o seu fundamento na comuñón de amor entre as Persoas divinas. Deus non é soidade, senón comuñón; é amor, e, por iso, comunicación, porque o amor sempre comunica, é máis, comunícase a si mesmo para atopar o”outro .

Resulta así clarificador ler como colofón na mensaxe papal para esta Xornada Mundial que “podemos pasar así do diagnóstico ao tratamento: abrindo o camiño ao diálogo, ao encontro, ao sorriso, á caricia… Esta é a rede que queremos. Unha rede feita non para atrapar, senón para liberar, para custodiar unha comuñón de persoas libres. A Igrexa mesma é unha rede tecida pola comuñón eucarística, na que a unión non se funda sobre os “like” senón sobre a verdade, sobre o “amén” co que cada un se adhire ao Corpo de Cristo acollendo os demais”.

Felicito os profesionais da comunicación polo seu traballo e a súa dedicación para crear unha cultura da información autenticamente humana, e convídovos a todos a ler esta mensaxe substanciosa do papa Francisco para darnos conta de que “o auténtico camiño de humanización vai desde o individuo que percibe o outro como rival, ata a persoa que o recoñece como compañeiro de viaxe”.

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán