Carta Pastoral “Polo traballo decente. Outubro 2018”

Queridos diocesanos:

De novo quero facervos unha chamada para manter viva a conciencia da necesidade dun traballo decente, un traballo que como di o papa Francisco, “é unha forma de amor cívico, non é un amor romántico nin sempre intencional, pero é un amor verdadeiro, auténtico que nos fai vivir e sacar adiante o mundo”[1]. Anímovos a todos a ser eco desta inquietude a través de vixilias de oración, participación na Eucaristía ou outras actividades, o día 7 deste mes, Xornada mundial do traballo decente.

No pasado ano unímonos con este propósito a moitas dioceses e a non poucas organizacións sociais e eclesiais, sabendo a importancia deste obxectivo. Os bispos da Conferencia Episcopal Española no documento “Igrexa servidora dos pobres”, diciamos: “A aposta por esta clase de traballo é o empeño social por que todos poidan poñer as súas capacidades ao servizo dos demais. Un emprego digno permítenos desenvolver os propios talentos, facilítanos o seu encontro con outros e achéganos autoestima e recoñecemento social”[2]. Aínda que é verdade que todos debemos colaborar neste propósito considerabamos que “a comunidade política é a que ten a responsabilidade de garantir a realización dos dereitos dos seus cidadáns; aos seus xestores, en primeiro lugar, lles incumbe a tarefa de promover as  condicións necesarias  para que, coa colaboración de toda a sociedade, os dereitos económico-sociais poidan ser satisfeitos como o dereito ao traballo digno, a unha vivenda adecuada, ao coidado da saúde, a unha educación en igualdade e liberdade”[3].

As persoas “descobren significado e confianza no futuro cando atopan un traballo de longa duración coa oportunidade dunha merecida promoción”. Lémbrovos o que escribía o papa emérito Bieito XVI, referíndose ás condicións do traballo: “Un traballo que, en calquera sociedade, sexa expresión da dignidade esencial de todo home ou muller: un traballo libremente elixido, que asocie efectivamente aos traballadores, homes e mulleres, ao desenvolvemento da comunidade; un traballo que deste xeito faga que os traballadores sexan respectados, evitando toda discriminación; un traballo que permita satisfacer as necesidades das familias e escolarizar aos fillos sen que se vexan obrigados a traballar; un traballo que consinta aos traballadores organizarse libremente e facer oír a súa voz; un traballo que deixe espazo para reencontrarse adecuadamente coas propias raíces no ámbito persoal, familiar e espiritual; un traballo que asegure unha condición digna  aos traballadores que chegan á xubilación”[4].

A Doutrina Social da Igrexa úrxenos a avivar a solidariedade cristiá e a subsidiaridad para ser conscientes de que non debemos tratar de solucionar o propio esquecendo as situacións precarias dos demais. De maneira especial nestes momentos renovemos o noso compromiso coa cultura do traballo que esixe renunciar a condutas consumistas e materialistas que non o valoran, e asumir un estilo de vida en austeridade como axuda ao outro. É responsabilidade da comunidade cristiá acompañar ás persoas que non teñen un traballo, mantendo unha actitude profética que denuncie aquelas situacións que contradin á dignidade humana. Hanse de defender os dereitos dos que traballan pero non se poden ignorar os de quen non atopan traballo, cando o traballo é un dereito e un deber. As condicións difíciles ou precarias do traballo fan difíciles e precarias as condicións da mesma sociedade e dun vivir ordenado segundo as esixencias do ben común.

¡Redescubramos a dimensión social da fe e pongámosla en práctica non só transmitindo coñecementos senón suxerindo pautas de comportamento persoal e comunitario!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

 

[1] FRANCISCO, Discurso: o traballo sen a persoa vólvese inhumano, 26 de xuño de 2017.

[2] CEE, Igrexa servidora dos pobres, Ávila, 24 de abril de 2015, 32.

[3] Ibid., 28.

[4] BIEITO XVI, Caritas in veritate, 63.

Versión en castelán