Cerimonia da Translación do Apóstolo Santiago na Catedral

Ás 11.30 horas, o Excmo. Cabido recibe na porta de Acibecharía ao Excmo. Sr. Arcebispo e acompáñao, facendo unha breve parada ante o altar maior, onde o Excmo. Sr. Arcebispo se axeonlla e ora brevemente; a continuación, pola nave de Praterías o cortexo encamíñase cara ao Claustro e a Sala Capitular para revestirse.

Igualmente, ás 11.30 horas,  sae do edificio do Concello a comitiva de Autoridades que acompañan o Excmo. Delegado Rexio.

Unha Comisión Capitular recibe o Excmo. Delegado Rexio e as Autoridades que o acompañan na Porta da Acibecharía e diríxense cara á Porta do Tesouro, onde agardan o inicio da Procesión.

Disponse a procesión no Claustro da Catedral, pola seguinte orde:

  • Cruz e ciriales.
  • Chirimías.
  • Cantor.
  • Imaxe do Apóstolo Santiago
  • Membros do Cabido con capa pluvial.
  • Diácono co Evanxeliario.
  • Sacerdotes concelebrantes.
  • Srs. Bispos concelebrantes.
  • Excmo. Sr. Arcebispo.

Ás 11.40 horas, iníciase a procesión.

Cando o Excmo. Sr. Arcebispo sae pola porta do Tesouro á nave da Catedral, saúda as autoridades que, acompañados pola Comisión Capitular, se incorporan entón ao Cortexo Litúrxico para a procesión polas naves da Catedral, seguindo aos portadores que levan a imaxe do Apóstolo Santiago, relicario coñecido como Santiago Coquatrix (Máis información: https://issuu.com/catedralsantiago/docs/domus_iacobi/10).

Na nave da Acibecharía, detense o cortexo mentres soan as chirimías e funciona o Botafumeiro.

Ao terminar, a procesión renóvase polo corredor esquerdo da nave central e encamíñase cara ao Pórtico da Gloria. Chegados alí, detense o cortexo e os portadores da Imaxe víranse cara ao Excmo. Sr. Arcebispo, para escoitar o “motete” en honra do Apóstolo Santiago, cantado polo coro na tribuna.

Finalizado o motete, entóase o “Gloria Patri”, e soa o órgano. Mentres, a procesión encamíñase de novo cara ao Altar Maior para comezar a Misa Estacional.

Ao chegar á altura do transepto, os portadores da imaxe do Apóstolo sitúanse a un lado, mentres os compoñentes da procesión van pasando de dous en dous ante ela e fanlle reverencia, para dirixirse deseguido cara ao altar.

Feita a xenuflexión antes de subir as bancadas do presbiterio, bican o altar e diríxense aos lugares que teñen reservados no presbiterio ou nos laterais do transepto. As autoridades e o Delegado Rexio, acompañados pola Comisión Capitular, ocupan os lugares preparados para eles.

Cando o Excmo. Sr. Arcebispo se situa no centro diante do altar, continúase coa MISA ESTACIONAL NA TRANSLACIÓN conforme ao seguinte esquema:

  • Monición
  • Saúdo do Sr. Arcebispo
  • Gloria (Coro)
  • Oración rezada

Liturxia da Palabra

Monición

Lecturas da festa do Apóstolo Santiago:

  • 1ª lectura: Feit 4, 33; 5, 12. 27-33; 12, 2. O rei Herodes fixo pasar a coitelo a Santiago.
  • Salmo responsorial. Sal 66. Oh Deus, que te loen os pobos.
  • 2ª lectura: 2Co 4, 7-15. Levamos no corpo a morte de Xesús.
  • Aclamación: Aleluia gregoriano e Motete xacobeo.
  • Evanxeo: Mt 20, 20-28. O meu cáliz beberédelo.
  • Final do Aleluia

Credo

Despois do canto do Credo, o Delegado Rexio, acompañado pola Comisión Capitular, desde o mesmo lugar en que está situado (trono con dosel) comeza a súa InvocaciónOfrenda, á que responde inmediatamente o Sr. Arcebispo coa súa Resposta-Homilía. Todos se manteñen de pé durante a invocación do Oferente e sentados durante a Homilía.

Liturxia Eucarística

  • Presentación das ofrendas (Órgano)
  • Incensación
  • Prefacio de Santiago e canto do “Sanctus”
  • Pregaria Eucarística

Rito da Comuñón

  • Noso Pai
  • A Paz e canto do “Agnus Dei”
  • Comuñón (Cantos)
  • Oración despois da Comuñón
  • Ritos finais
  • Bendición do Sr. Arcebispo
  • Despedida (Órgano)

A continuación, os membros de protocolo inician a saída dos invitados, comezando polos últimos; ao chegar aos primeiros o Pincerna abre o Cortexo Litúrxico, pola mesma orde que na procesión de entrada, e o Delegado Rexio e as autoridades en último lugar, acompañados pola Comisión Capitular.

Ao chegar ao Pórtico da Gloria, o Excmo. Sr. Arcebispo despide o Oferente e as autoridades e encamíñase á Sala Capitular, para finalizar a celebración.

Unha vez deixados os ornamentos litúrxicos, unha Comisión do Excmo. Cabido acompaña ao Excmo. Sr. Arcebispo ata a porta da Acibecharía.

(Cóengo Prefecto de Cerimonias, D. Elisardo Temperán Villaverde)

REPERTORIO MUSICAL

– “IOCUNDETUR ET LAETETUR” (Códice CALIXTINO). Coro a capella.
– Entrada: TOCATA NO MI MENOR (Johann PACHELBEL). Órgano.
– GLORIA da “MISSA BREVIS” (Juan Ignacio PRIETO). Coro a capella.
– SALMO 66: “OH DEUS, LÓENTE OS POBOS” (Manuel CELA). Coro, solista e órgano.
– “ALLELUIA” gregoriano e verso “OH GLORIOSO APÓSTOLO” (Nemesio GARCÍA CARRIL). Coro, solista e órgano.
– “CREDO” da misa gregoriana “DE ANGELIS” e “ET INCARNATUS” (Nemesio GARCÍA CARRIL). Coro, solista e órgano.
– Ofertorio: “JESU, MEINE FREUDE” BWV 610 (Johann Sebastian BACH). Órgano.
– “SANCTUS” da “MISSA BREVIS” (Juan Ignacio PRIETO). Coro a capella.
– “AGNUS” da “MISSA BREVIS” (Juan Ignacio PRIETO). Coro a capella.
– Comuñón:
1) PANXOLIÑA “VINDE PICARIÑAS” (Nemesio García Carril). Coro a capella.
2) “JESU DULCIS MEMORIA” gregoriano. Solista e órgano
– Final: PRELUDIO EN SOL MENOR BWV 568 (Johann Sebastian BACH)

Coro:
CAPELA MUSICAL DA S.A.M.I. CATEDRAL DE SANTIAGO
Director: MIRO MOREIRA
Solista: JOSÉ LUIS VÁZQUEZ LÓPEZ
Organista: ADRIÁN REGUEIRO

 

des_pdf

 

 

Versión en castelán