Colecta para Terra Santa: solidariedade na caridade coa Igrexa de Xerusalén neste próximo Venres Santo

  • Volve a “ prol Terra Sancta”, a iniciativa coa que a Igrexa colleita as ofrendas para axudar aos Santos Lugares

“Comuñón e solidariedade coa Igrexa de Xerusalén”: é o título da carta que o Prefecto da Congregación para as Igrexas Orientais, o cardeal Leonardo Sandri, dirixiu este pasado 6 de marzo, Mércores de Cinza, aos bispos para estimular a caridade das Igrexas de todo o mundo.

“O camiño coresmal convídanos a todos nós a volver aos lugares e acontecementos que cambiaron o curso da historia da humanidade e a existencia persoal de cada un de nós: son os lugares e os acontecementos que nos transmiten a memoria viva de todo aquilo que o Fillo de Deus encarnado dixo, realizou e sufriu pola nosa redención”, comeza lembrando o cardeal Sandri na misiva. E revivindo os misterios da nosa salvación “pensamos con maior intensidade nos irmáns e irmás que viven e testemuñan a fe en Cristo, morto e resucitado en Terra Santa, expresándolles tamén a nosa solidariedade na caridade” – agrega.

Percorrendo as diversas etapas da Paixón de Cristo, que revivimos na Semana Santa, “centro de todo o ano litúrxico” e que inicia “en Betfagé, coa entrada de Xesús en Xerusalén” , o purpurado lembra que Cristo resucitado “coa súa luz acariña os nosos ollos e os nosos corazóns, convidándonos a mirar dentro da historia do mundo e da historia persoal de cada un de nós”.

Saír de nós mesmos para ir ao encontro dos demais

Na carta, o Prefecto lembra as palabras do Papa Francisco na súa primeira Audiencia xeral, o 27 de marzo de 2013, cando falando aos peregrinos afirmaba: “vivir a Semana Santa seguindo a Xesús quere dicir aprender a saír de nós mesmos (…) para ir ao encontro dos demais, para ir cara ás periferias da existencia, movernos nós en primeiro lugar cara aos nosos irmáns e as nosas irmás”.

Unha ocasión para lembrar os problemas de Oriente Medio

Con ocasión da Colecta para Terra Santa, o cardeal Sandri lembra ademais o primeiro Sucesor do Apóstolo Pedro que peregrinou á terra de Xesús, o Papa Paulo VI, quen tamén instituíu a Colecta coa Exhortación Apostólica Nobis in animo, en 1974: “A Igrexa de Xerusalén (…) ocupa un lugar de predilección na solicitude da Santa Sé e nas preocupacións de todo o mundo cristián…”, sinalaba o Papa Santo, precisando que dita atención era “requirida principalmente polos graves problemas de orde relixiosa, político e social alí existentes”.

Terra de xente que deixa a propia terra

“Aínda hoxe o Medio Oriente asiste a un proceso que feriu as relacións entre os pobos da rexión, creando una tal situación de inxustiza que esperar a paz resulta case temerario” subliña o purpurado, aproveitando a oportunidade para citar a oración do Papa Francisco cos Xefes das Igrexas Orientais do 7 de xullo 2018 na cidade de Bari. Ocasión na que o Pontífice falou de guerra, “violencia e destrución, ocupacións e diversas formas de fundamentalismo, migracións forzosas e abandono” que se foron concentrado na rexión “no medio do silencio de tantos” e  que levou a que Oriente Medio se volvese “unha terra de xente que deixa a propia terra” co risco da extinción da presenza de cristiáns, “desfigurando o mesmo rostro da rexión, porque un Oriente Medio sen cristiáns non sería Oriente Medio”.

A Igrexa en acción por Terra Santa

Ante esta situación, a Igrexa “desde hai moito tempo atrás non se quedou inoperante” afirma o purpurado, citando novamente a Nobis in animo de san Paulo VI: “É necesario que os cristiáns de todo o mundo se mostren xenerosos, facendo chegar á Igrexa de Xerusalén a caridade das súas oracións, a calor do seu ánimo favorable e o signo tanxible da súa solidariedade”.

“Teño a alegría de transmitirlles o vivo agradecemento do Santo Padre Francisco”, afirma xa na conclusión o Prefecto da Congregación para as Igrexas Orientais, non sen antes mencionar unha certa “recuperación do fluxo das peregrinacións”, fieis “que chegan a Terra Santa, cada vez máis numerosos, desde China, India, Indonesia, Filipinas e Sri Lanka”. Unha “vitalidade apostólica” que é  “un signo grande para as comunidades locais” afirma o cardeal Sandri, “e un estímulo para as de Occidente, ás veces tentadas polo desalento e a resignación no vivir e testemuñar a fe no cotián”.

A colecta do ano pasado

No 2018, as ofrendas foron de 8.633.099.88 euros. Por regra xeral, a Custodia de Terra Santa recibe a maior parte da recadación, ao redor dun 65%, mentres que o que queda á Congregación para as Igrexas Orientais utilízase para a formación dos candidatos ao sacerdocio, o sustento do clero, a escolarización, a formación cultural e as subvencións ás diversas circunstancias eclesiásticas de Oriente Medio.

Vínculo entre cristiáns do mundo e Terra Santa

A “Colecta para Terra Santa” naceu da vontade dos Papas para manter un forte vínculo entre todos os cristiáns do mundo e os Lugares Santos. Tradicionalmente recóllese o Venres Santo e é a principal fonte de sustento da vida que ten lugar ao redor dos Santos Lugares; é tamén o instrumento que a Igrexa se deu para apoiar as comunidades eclesiais de Oriente Medio. En tempos máis recentes, o Papa Pablo VI, a través da Exhortación Apostólica ‘Nobis in animo’ (25 de marzo de 1974), deu un impulso decisivo a favor de Terra Santa.

A Custodia de Terra Santa, a través da Colecta, pode soster e realizar a importante misión á que está chamada: custodiar os Santos Lugares, as pedras da memoria e fomentar a presenza cristiá, as pedras vivas de Terra Santa, a través de moitas actividades de solidariedade, como o mantemento das estruturas pastorais, educativas, asistenciais, sanitarias e sociais.

Os territorios que se benefician en diferentes formas do apoio da Colecta son os seguintes: Xerusalén, Palestina, Israel, Xordania, Chipre, Siria, Líbano, Exipto, Etiopía, Eritrea, Turquía, Irán e Iraq.

Segue a carta íntegra do cardeal Leonardo Sandri, Prefecto da Congregación para as Igrexas Orientais acerca de Colecta a “prol Terra Sancta”, fonte principal de sustento da vida que se desenvolve ao redor dos Santos Lugares e unha breve nota sobre os datos da mesma en 2018.

Carta do Prefecto da Congregación para as Igrexas Orientais

Colecta para a Terra Santa 2019

6 de marzo de 2019, Mércores de Cinza

Comuñón e solidariedade coa Igrexa de Xerusalén

Excelencia Reverendísima:

O camiño coresmal convídanos a todos nós a volver aos lugares e acontecementos que cambiaron o curso da historia da humanidade e a existencia persoal de cada un de nós: son os lugares e os acontecementos que nos transmiten a memoria viva de todo aquilo que o Fillo de Deus encarnado dixo, realizou e sufriu pola nosa redención.

Centro de todo o ano litúrxico é a Semana Santa que inicia en Betfagé, coa entrada de Xesús en Xerusalén. Seguímolo ata Betania e asistimos á unción co perfume de nardo, profecía da súa paixón, morte e resurrección. No Cenáculo El ofrécese a si mesmo por nós, no pan e no viño, e lávanos os pés, ensinándonos con este humilde servizo o mandamento novo do amor. Vivimos en Xetsemaní o seu arresto e seguímolo de lonxe con toda a nosa fraxilidade, como Pedro, que o renega. Aos pés da Cruz, con María e o discípulo amado presenciamos a súa morte, contemplando o seu costado traspasado. Colocado, en fin, no sepulcro –ao que acode María Madalena-. Na mañá da Pascua resucita, e coa súa luz acariña os nosos ollos e os nosos corazóns, convidándonos a mirar dentro da historia do mundo e da historia persoal de cada un de nós.

Revivindo os misterios da nosa salvación, pensamos con maior intensidade nos irmáns e irmás que viven e testemuñan a fe en Cristo, morto e resucitado en Terra Santa, expresándolles tamén a nosa solidariedade na caridade. Na súa primeira Audiencia xeral, o 27 de marzo de 2013, o Papa Francisco lembrou aos peregrinos: vivir a Semana Santa seguindo a Xesús quere dicir aprender a saír de nós mesmos (…) para ir ao encontro dos demais, para ir cara ás periferias da existencia, movernos nós en primeiro lugar cara aos nosos irmáns e as nosas irmás.

Este ano, coa ocasión da Colecta para a Terra Santa, xunto á invitación do Papa Francisco desexamos escoitar tamén a san Paulo VI, que quixo ir a Terra Santa a inicios de xaneiro de 1964, primeiro Sucesor do Apóstolo Pedro que realizou esta peregrinación. Na Exhortación Apostólica Nobis in animo , coa que en 1974 instituíu a Colecta, afirma: A Igrexa de Xerusalén (…) ocupa un lugar de predilección na solicitude da Santa Sé e nas preocupacións de todo o mundo cristián, mentres o interese polos Santos Lugares e en particular pola cidade de Xerusalén aparece mesmo nas máis altas asembleas das Nacións e nas maiores Organizacións internacionais (…). Tal atención hoxe é requirida principalmente polos graves problemas de orde relixiosa, político e social alí existentes (…).

Aínda hoxe o Medio Oriente asiste a un proceso que feriu as relacións entre os pobos da rexión, creando una tal situación de inxustiza que esperar a paz resulta case temerario. En Bari, o pasado 7 de xullo, ao comezo da oración do Santo Padre cos Xefes das Igrexas Orientais do Medio Oriente, resoaron estas palabras: Pero sobre esta espléndida rexión foise concentrando, especialmente nos últimos anos, unha densa nube de tebras: guerra, violencia e destrución, ocupacións e diversas formas de fundamentalismo, migracións forzosas e abandono, e todo isto no medio do silencio de tantos e a complicidade de moitos. Oriente Medio volveuse unha terra de xente que deixa a propia terra. E existe o risco de que se extinga a presenza dos nosos irmáns e irmás na fe, desfigurando o mesmo rostro da rexión, porque un Oriente Medio sen cristiáns non sería Oriente Medio.

A Igrexa, como lembra Paulo VI na Nobis inanimo , desde moito tempo atrás, non se quedou inoperante: Desde a segunda metade do século pasado houbo un importante aumento de obras pastorais, sociais, caritativas, culturais, en beneficio da poboación local sen distincións e das comunidades eclesiais en Terra Santa (…). Para que a comunidade cristiá que vive en Palestina, bimilenaria pola súa orixe e pola súa permanencia, poida sobrevivir e, aínda máis, consolidar a propia presenza de maneira activa e obrar ao servizo das outras comunidades coas que debe convivir, é necesario que os cristiáns de todo o mundo se mostren xenerosos, facendo chegar á Igrexa de Xerusalén a caridade das súas oracións, a calor do seu ánimo favorable e o signo tanxible da súa solidariedade.

No último período, asistimos con esperanza a unha certa recuperación do fluxo das peregrinacións, tocando coa man o gozo da fe de tantos fieis que chegan a Terra Santa, cada vez máis numerosos, desde China, India, Indonesia, Filipinas e Sri Lanka: como non pensar no cumprimento da profecía evanxélica: virán de oriente e de occidente, do setentrión e do mediodía, e sentarán á mesa no reino de Deus… Esa vitalidade apostólica é un signo grande para as comunidades locais, e un estímulo para as de Occidente, ás veces tentadas polo desalento e a resignación no vivir e testemuñar a fe no cotián.

A vostedes, os sacerdotes, os relixiosos e os demais fieis que colaboran con empeño en favor do bo resultado da Colecta, con fidelidade a unha obra que a Igrexa pide que sexa cumprida por todos os seus fillos, segundo os modos habituais, teño a alegría de transmitirlles o vivo agradecemento do Santo Padre Francisco. E, mentres invoco abundantes bendicións divinas sobre esa Diocese, expreso a meu máis fraterno saúdo no Señor Xesús.

Seu devotísimo

Leonardo Card. Sandri
Prefecto

+ Cyril Vasil’, S.I.
Arcebispo Secretario

 

Colecta a “prol Terra Santa”

A “Colecta para Terra Santa” nace da vontade dos Papas de manter un forte vínculo entre todos os cristiáns do mundo e os Santos Lugares. Faise tradicionalmente o Venres Santo e é a fonte principal para o sustento da vida nesa rexión.  A través da mesma a Custodia de Terra Santa pode cumprir a súa misión de preservar  os Santos Lugares (pedras da memoria) e de fomentar a presenza cristiá, ( pedras vivas de Terra Santa) a través de numerosas actividades de solidariedade como o mantemento de estruturas  pastorais, educativas, asistenciais, sanitarias e sociais.

Os territorios que se benefician da Colecta son: Xerusalén, Palestina, Israel, Xordania, Chipre, Siria, Líbano, Exipto, Etiopía, Eritrea, Turquía, Irán e Iraq.

A Custodia de Terra Santa recibe a maior parte da Colecta e o resto está destinado pola Congregación para as Igrexas Orientais á  formación de candidatos ao sacerdocio, sustento do clero, actividade escolar, formación cultural e subvencións ás diversas circunscricións eclesiásticas no Medio Oriente.

A recadación total da  Colecta para Terra Santa en 2018 foi de 8.633.099.88  euros,  dos  cales 3.845.394.93 destináronse á formación académica, espiritual e humana dos seminaristas e sacerdotes e cando foi posible dos laicos,  baixo a xurisdición da Congregación para as Igrexa Orientais (axuda a seminarios, lugares de formación relixiosa e institucións culturais nos territorios de competencia e tamén en Roma. As axudas comprenden bolsas, taxas universitarias, gastos sanitarios etc…  das que se benefician máis de 300 estudantes. A Congregación para as Igrexas Orientais contribúe tamén ao sustento do Pontificio Instituto Oriental, unha institución académica de ensino superior).

Por canto respecta ás subvencións escolares, a Congregación para as Igrexas Orientais  decidiu este ano aumentar a cantidade destinada á escolarización debido á chegada a Terra Santa de miles de nenos e nenas procedentes de Siria e Iraq. Finánciase tamén a Bethlehem University na que ao redor de 3.300 mozos, na súa maior parte palestinos musulmáns reciben formación humana e intelectual para a construción dun país onde reinen o respecto mutuo e a dignidade humana. O total da suma destinada ás subvencións neste sector é de 3.267.000.00 dólares.

A Congregación contribúe tamén mediante a  Colecta ao sustento das Igrexas colocadas baixo a súa xurisdición: Xerusalén, Xordania, Iraq, Líbano, Turquía, Irán, Exipto, Etiopía e Eritrea cunha cantidade  de 1.573.500 dólares á que se suman 15.145 euros.

Tamén hai subvencións extraordinarias e  de emerxencia. O regreso aos seus países dos refuxiados e desprazados de Iraq e Siria que residían en Líbano segue sendo un tema candente. A Congregación presta unha atención especial ás necesidades destas persoas para asegurarlles unhas condicións de vida dignas á volta aos seus fogares. A suma destinada a este capítulo é de 412.500.00 dólares.

En conclusión a Congregación subliña que dos datos despréndese que os gastos son superiores á recadación da Colecta e chama a unha “maior cooperación e a un compromiso xeneroso dos cristiás de todo o mundo cos seus irmáns e irmás de Terra Santa”.

Tomado de Vatican News,  María Cecilia Mutual e https://press.vatican.vai/

Versión en castelán