Comeza o segundo curso da EDAP

O bispo auxiliar de Santiago, mons. Jesús Fernández, presidiu este venres catro sesións de traballo nas que os responsables e animadores da Escola de Axentes de Pastoral (EDAP) da Diocese prepararon a metodoloxía e os catro primeiros temas que se desenvolverán nas escolas ao longo deste curso.

Nunha sesión maratoniana de traballo, desenvolvéronse reunións cos coordinadores das escolas da área de catequese, cos coordinadores das escolas de todas as áreas para aprender a metodoloxía e a temática. Outra reunión con coordinadores, animadores e predicadores de todas as EDAP para adoptar acordos xerais e unha asemblea xeral.

O profesor de Teoloxía do Laicado no Instituto Teolóxico Compostelán, Rafael Casás Salgado, presentou aos animadores da EDAP os contidos deses catro primeiros temas deste curso, que tratarán precisamente sobre o laicado. As sesións son Historia da Teoloxía do Laicado, Vocación e misión dos fieis laicos, Espiritualidade laical e Movementos apostólicos e asociacións laicales.

O curso constará de dezaseis sesións. Serán unha asemblea inicial de curso (por vigairías), dous retiros, unha asemblea xeral de final de curso, dous retiros e doce sesións formativas. Desas sesións, as catro primeiras son comúns e as oito restantes corresponderán a cada un dos itinerarios propostos: pastoral familiar, pastoral da saúde, caritas, catequese, liturxia e curso complementario.

A Escola de Axentes de Pastoral naceu a proposta do Sínodo diocesano, cuxos traballos finalizaron en febreiro do ano pasado. Tras catro anos de reflexión, na igrexa compostelá viuse a necesidade de intensificar a formación dos cristiáns laicos para que poidan asumir un papel protagonista dentro da Igrexa, e, en especial, para que poidan colaborar eficazmente na renovación pastoral, que é un dos grandes retos de futuro.

Versión en castelán