Coa predicación de monseñor Barrio da novena da Virxe de Montemayor en Moguer, Huelva, culmina un mes de agosto de intensa axenda

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, predicou este luns día 31 de agosto o primeiro día da novena da Virxe de Montemayor na parroquia da nosa Señora da Granada en Moguer (Huelva), un acto que forma parte das celebracións en honra de María con ocasión do 550 aniversario da aparición da Virxe de Montemayor. O papa Francisco concedeu un xubileu por este aniversario, que deu comezo o 15 de xuño, aniversario da coroación canónica da Virxe, e que terminará o próximo de outubro.

Este tempo xubilar dedicado á patroa de Moguer permitirá aos fieis e devotos da Virxe acceder á indulxencia plenaria concedida por decreto da penitenciaría apostólica, cumprindo coas condicións comúns a todo xubileu, é dicir, confesión e comuñón sacramentales, oración polas intencións do Romano Pontífice e oración ante a imaxe da Virxe concluíndo coa profesión de fe e a oración dominical.

Coa participación de Don Julián nesta novena á Virxe en Huelva culmina un mes de agosto de diversos actos presididos polo arcebispo compostelán. Esta dilatada axenda iniciábase o día 9 coa presenza de monseñor Barrio en Pontevedra  para a Virxe Peregrina e tiña como etapas a concelebración na Igrexa de Santa María de La Bañeza no 75 aniversario da Consagración do templo, a solemnidade da Asunción na Catedral, así como a celebración de San Roque en Santiago.

Na axenda do arcebispo figurou tamén unha Eucaristía na Casa Sacerdotal na despedida das Relixiosas Discípulas de Jesús Eucaristía, ademais da Santa Misa na homenaxe ao Rvdo. D. José María Naveira Vázquez e a Eucaristía na parroquia de Santa María de Figueiras con motivo da festa do Santísimo.

O acto da Casa Sacerdotal tivo lugar o día 28 de agosto de 2020. Alí monseñor Julián Barrio celebrou unha misa de Acción de grazas e de despedida das relixiosas Discípulas de Jesús que deixan o labor con sacerdotes de Santiago, na que levaban moitos anos. Estaban na capela  uns 25 sacerdotes da casa, que concelebraron co señor arcebispo e mostraron así o seu agradecemento aos coidados destas relixiosas. Don Julián na súa homilía dixo, entre outras cousas, que é máis fácil a benvida que a despedida e que daba grazas pola magnífica colaboración destas relixiosas en tantos anos. “Fixeron moito”, dixo monseñor, pero os tempos de Deus teñen o seu ritmo e  “pedimos que El nos mande o que queira”. Pediu que seguise bendicindo ás Discípulas. Ademais, convidou os sacerdotes a velar na esperanza, aínda que sexa de noite.

Ao final da Misa a Superiora xeral dirixiuse a todos dando tamén as grazas e despediuse como dicía o seu fundador: verémonos no Ceo.

Ao día seguinte, sábado 29 de agosto de 2020, á hora do café, foi a despedida que os sacerdotes da Casa Sacerdotal fixeron ás relixiosas Discípulas de Jesús. Primeiro fíxoselle un pequeno e simbólico agasallo ás dúas irmás que os coidaron durante anos, a irmá Nieves e a irmá Carmen. Logo entregóuselle unha imaxe de madeira, da Virxe co Neno, cunha dedicatoria, á superiora xeral.

Correspondeu esta cerimonia ao maior da casa neste momento, que é D. Jaime López Ramón. Entregoulla dicíndolles  a todos os comensais presentes, que a Virxe é causa da nosa alegría e que a ela habemos de recorrer en todo momento. Cando a Superiora xeral descubriuna,  houbo un aplauso de agarimo de todos os presentes.

A continuación foi o director da Casa,  D. Ricardo Viqueira, quen fixo un pouco de historia da presenza da irmás en Santiago, deulles as grazas polas moitas atencións aos sacerdotes sen escatimar tempo nin horarios, en especial, para o que máis o necesitaba pola súa situación de enfermo. Por último a superiora xeral dixo unhas palabras de agradecemento e logo foi mesa por mesa ensinando a imaxe desde preto, que a bicaron ou acariñaron os sacerdotes e ao mesmo tempo puideron ler a breve dedicatoria escrita nunha pequena placa de prata

 

Versión en castelán