Concurso de vídeo sobre a figura do Apóstolo Santiago convocado pola Comisión do Ano Santo

Co fin de promover o coñecemento do Apóstolo Santiago desde un espírito misioneiro, a Comisión para o Ano Santo Compostelán 2021 convoca un concurso para a elaboración dun vídeo (de non máis de 4 minutos) sobre a figura do Apóstolo, atendendo ás seguintes indicacións:

1º.- Requisitos para participar

Poderán participar todas as persoas físicas maiores de 18 anos e menores de 30 anos, na elaboración e remisión de vídeos sobre a figura do Apóstolo.

Vídeos dun tempo máximo de 4 minutos con formato da produción: MP4.

2º.- Prazo

As propostas serán enviadas ao e-mail prensa@archicompostela.org antes do 30 de xuño do 2020 ás 00:00 horas.

3º.- Xurado

O xurado estará determinado pola Comisión para o Ano Santo 2021, que elixirá o gañador/a baixo os criterios de valoración de orixinalidade, mensaxe e fidelidade ao tema. Ademais, o vídeo gañador e os finalistas deberán cumprir as presentes bases de participación.

 4º.- Premios

Elixirase un vídeo gañador/a. Premio para o gañador/a: 300 euros, máis a participación como convidado na Peregrinación Europea de Mozas a celebrar en Santiago do 4 ao 8 de agosto de 2021, (salvo causa de forza maior). Os vídeos finalistas, unha vez elixido o gañador, poderanse ver na páxina web do Ano Santo Compostelán. O vídeo gañador, así mesmo, poderá ser utilizado para a promoción do Ano Santo polas distintas institucións eclesiais. Comunicarase o nome do gañador/a do concurso mediante a súa publicación no BOAS ou notificación por correo electrónico,quedando eximido a organización dos erros nos datos facilitados que impedisen a súa identificación.

5º.- Reservas e limitacións

Queda eximido o Arcebispado e a Igrexa católica de calquera responsabilidade no suposto de existir algún erro nos datos facilitados polos propios participantes.

Resérvase o dereito para aprazar ou ampliar o período do concurso, así como a facultade de interpretar as presentes bases legais. Así mesmo, quedará exenta de toda responsabilidade polos danos e prexuízos que puidesen ocasionarse.

Non se admitirán comentarios ofensivos, insultos, ameazas, linguaxe malsoante, contidos degradantes ou descualificacións ou que sexan contrarios á fe e moral católica. Terase a potestade, en último lugar, de poder borrar calquera publicación ou comentario que, baixo o seu criterio, non se axuste aos tipos de contidos que se desexan no concurso.

O número máximo de vídeos por persoa é de tres.

6º.- Cesión de dereitos e responsabilidade na autoría.

A participación no Concurso supón a cesión e autorización expresa de todos os dereitos de propiedade intelectual e de imaxe sobre os vídeos e os seus obxectos, de forma que o/a participante cede ao Arcebispado os dereitos de explotación de natureza intelectual, industrial e/ou de imaxe que puidesen corresponderlle ou derivar das participacións enviadas para participar no Concurso.

Os/as participantes asumen a responsabilidade en canto á autoría e orixinalidade das imaxes e vídeos que remitan e ceden os dereitos de reprodución e comunicación dos mesmos, co fin de que o Arcebispado poida usalas en calquera das canles necesarias, a efectos de comunicación e divulgación.

Os participantes velarán polos dereitos de imaxe das persoas que puidesen aparecer nos seus vídeos, non infrinxindo dereitos de terceiros e facéndose os únicos responsables polos feitos que se puidesen derivar diso. O Arcebispado queda eximido de calquera responsabilidade respecto diso.

7º.- Protección de datos

Os datos fornecidos polos participantes serán tratados confidencialmente. Garántese o cumprimento do previsto no REGULAMENTO (UE) 2016/679 DO PARLAMENTO EUROPEO E DO CONSELLO do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (en diante RGPD), informámoslles aos usuarios sobre a nosa Política de Protección de Datos, en especial polo que se refire á atención do exercicio dos dereitos de información, acceso, rectificación, oposición e cancelación de datos persoais dos concursantes.

ACEPTACIÓN DAS BASES

A simple participación no concurso implica a aceptación das presentes Bases, polo que a manifestación no sentido de non aceptación da totalidade ou parte das mesmas implicará a exclusión do participante e, como consecuencia diso, quedará liberada do cumprimento da obrigación contraída con devandito participante.

O vídeo considérase como unha oportunidade de exercitar a capacidade misioneira e evanxelizadora. Na memoria xustificativa deste singular proxecto indícase aos peregrinos á tumba do Apóstolo que “despois de once anos de espera, e lastrado pola cruz dunha pandemia que encheu de dor, incerteza, desconfianza e morte á humanidade enteira, aproxímase un novo Ano Santo Compostelán”.

“A situación que nos rodea”, dise, “certamente pode frear o voso ímpeto peregrino, lembrade entón -como di o noso Arcebispo D. Julián-  que “o Apóstolo Santiago, testemuña da humanidade doente e resucitada de Xesús está a esperarvos neste Ano Santo para abrazar a vosa dor e para deixarse abrazar por vós”[1].

Conviranos tamén remontarnos no tempo para facernos testemuñas doutras chamadas e doutros peregrinos. En efecto, hai uns catro mil anos, o patriarca Abrahán oíu a voz de Deus que lle dicía: “Sae da túa terra”. Obediente, deixou as súas seguridades e púxose en camiño; axiña recibiu a bendición de Deus. E un dous mil anos despois, foi o Apóstolo Santiago o que escoitou a voz do Señor que o convidaba a ir con el para ser o seu amigo e asimilar o seu modo de pensar, de sentir, de obrar. Aos poucos foi superando os retos que lle presentaba a fraxilidade humana ata converterse finalmente en testemuña súa no “finis terrae” e, volto á súa terra, dar a vida en testemuño da fe en Xesucristo.

Hoxe a historia repítese: o Señor fai ecoar de novo a súa voz a través da Igrexa e –como di o noso arcebispo D. Julián Barrio- convídavos a deixar “atrás o voso eu para ir cara ao ti de Deus e o ti do irmán”[2]. Ese camiño de liberdade e cara á liberdade dos fillos de Deus atopará na peregrinación a Santiago un ámbito especialmente propicio no novo Ano Xubilar 2021”.

O Apóstolo Santiago espérate

Na memoria coa que se presenta o concurso de vídeo explícase, tamén, que “moitos peregrinos e, en particular moitos mozos e mozas coma vós, despois de presentir un encontro e unha chamada[3], poñeranse en camiño o próximo ano. No seu camiñar, atoparán múltiples ofertas de guías xeográficas, gastronómicas, paisaxísticas, culturais… Non poucos levarán as súas mochilas cargadas de desenganos, problemas, dúbidas, medos… Con esta mesma bagaxe camiñaban os dous discípulos que, despois da morte de Xesús, regresaban á súa vila Emaús. E Xesús xuntóuselles e camiñaba con eles ofrecéndolles luz e amor. Atoparán tamén os peregrinos a Santiago do presente e do futuro suficientes guías relixiosos que respondan aos seus interrogantes e lles fagan próximo o rostro de Deus?

Non cabe dúbida: un bo camiño augura unha boa meta. Ao chegar á Casa do Señor Santiago, o que foi acompañado e guiado polo camiño poderá experimentar con máis plenitude o abrazo e o sorriso do Apóstolo. En calquera caso, el sempre reserva ao que o visita unha sorpresa agradable e, como non, levarao da man ata Xesucristo, a verdadeira meta. O que cruza ese Limiar, será así mesmo amigo e testemuña do Señor como o foi o Apóstolo Santiago. Porque –como di tamén o noso arcebispo D. Julián- “o testemuño audaz do Apóstolo Santiago é unha oportunidade para redescubrir a vitalidade da fe e da misión, recibida no Bautismo”[4].

 

[1] Mons. Julián Barrio Barrio, Anexo á Carta Pastoral “Sae da túa terra. O Apóstolo Santiago espérate”, Santiago 2020.

[2] Mons. Julián Barrio Barrio, Carta Pastoral “Sae da túa terra. O Apóstolo Santiago espérate”, n. 25

[3] Ibidem, n. 16

[4] Ibidem, n. 1

Versión en castelán