Conferencia de mons. Julián Barrio en Estrasburgo

  • O Camiño de Santiago e o continente europeo forman un todo inseparable no fondo da nosa historia milenaria
  • A peregrinación xacobea descobre que o cristianismo configurou unha Europa aberta
  • Europa debe ser un continente “aberto e acolledor, que continúe realizando na actual globalización, non só formas de cooperación económica, senón tamén sociais e culturais”.

 O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, pronunciará este martes 27 de novembro, unha conferencia sobre o Camiño de Santiago no Departamento de Cultura do Consello de Europa, en Estrasburgo. A súa disertación leva por título “Santiago de Compostela, unha meta para alcanzar”.

Na súa comparecencia, mons. Barrio insistiu na idea de que “o Camiño de Santiago e o continente europeo forman un todo inseparable no fondo da nosa historia milenaria”. De tal sorte que non é posible pensar en Europa sen ter en conta o profundo intercambio xerado pola peregrinación xacobea e o seu camiño. En coherencia, resulta “indubidable que Europa nace e dá os seus primeiros pasos nun Camiño que conducía a Compostela”.

Na súa disertación, o arcebispo compostelán lembrou en varias ocasións a histórica visita a Compostela do papa Xoán Paulo II en 1982, en especial o seu discurso do 9 de novembro no que exhortou á vella Europa  a ser ela mesma, a redescubrir a súa verdadeira identidade cristiá.

Desde o punto de vista antropolóxico, mons. Barrio definiu o Camiño como “unha expresión temática do ser humano, que é un ser peregrinante cara a Alguén, cara a Algo”. Unha realidade que se constata a diario, xa que “canto máis rápido camiña a humanidade, maior é a necesidade de sentir cimentos sólidos. Parece que os lugares de peregrinación, e en particular o de Santiago de Compostela, responden a esta profunda necesidade antropolóxica… o home non está completo ata que se atopa a si mesmo”.

Mons. Barrio preguntouse cal é o papel do Camiño en Europa. Aquí fixo súas as palabras de Xoán Paulo II para afirmar que “Europa enteira atopouse a si mesma ao redor da memoria de Santiago, nos mesmos séculos nos que ela se edificaba como continente homoxéneo e unido espiritualmente”. E insistiu en que “o peregrino xacobeo contribúe efectivamente á construción da única Europa posible: a que ten unha referencia espiritual cos seus principios morais e sociais, a súa cultura, a súa arte e a súa sensibilidade, é dicir que ten as súas raíces na tradición cristiá”.

O arcebispo destacou que o Camiño de Santiago foi sempre un camiño de fe e de cultura. Un binomio inseparable porque “a vida humana é cultura”. Unha cultura “que non debe eliminar a apertura á transcendencia”. Avogou tamén por unha “nova Europa do espírito” que recupere a herdanza dos pensadores cristiáns. Lembrou tamén unha reflexión de Thomas S. Eliot, para quen “un europeo pode non crer na verdade da fe cristiá, pero todo o que di, cre e fai, xorde da herdanza cultural e cristiá e só adquire significado en relación con este legado. Se o cristianismo desaparecese, toda a nosa cultura desaparecería con el”.

Por último, mons. Barrio concluíu que “a peregrinación xacobea descobre que o cristianismo configurou unha Europa aberta e, por tanto, pode integrar novos elementos”. Isto supón que Europa debe ser un continente “aberto e acolledor, que continúe realizando na actual globalización, non só formas de cooperación económica, senón tamén sociais e culturais”.

Versión en castelán