Crónica da visita pastoral ao C.P. de Teixeiro

Este mércores quince de maio D. Julián Barrio, Arcebispo de Santiago, visitou o Centro Penitenciario de Teixeiro, e celebrou a Eucaristía cun nutrido grupo de internos. Este ano, debido á complicación da axenda da Institución penitenciaria, tívose que atrasar uns meses a visita pastoral que o noso Pastor adoita facer polo Nadal.

D. Julián foi recibido na porta do cárcere polo novo Director, D. José Anxo Vázquez, e por varios membros do seu equipo directivo, que cordialmente o acompañaron durante todo o tempo da súa visita, que esta vez foi máis breve pola necesaria presenza de D. Julián nun acto na Universidade en homenaxe a D. Antón Fraguas. A celebración da Eucaristía foi animada polo coro do centro, formado por unha treintena de presas e presos, e contou coa presenza dos voluntarios e concelebrada por varios sacerdotes, vinculados á Pastoral e invitados.

Acompañaban a D. Julián, como nas anteriores ocasións, o Director e o Delegado episcopal da Cáritas diocesana, D. Anuncio Mouriño e D. Jesús García Vázquez. Cáritas ten unha forte implicación na promoción dos recluídos, tanto dentro do cárcere, onde sostén o programa social da Pastoral Penitenciaria, como nos pisos de acollida e de permisos que ten abertos na Coruña.

Este ano, ademais, promoveu un convenio de colaboración xunto ao Colexio de Odontólogos e Institucións Penitenciarias para abrir un “sillón solidario”, unha consulta de asistencia bucodental dentro da Enfermería da prisión. Un importante paso adiante para a saúde de moitos internos, e que se une a un convenio similar anterior co Colexio de Ópticos polo que se ofrece este servizo, subvencionados ambos para os presos con poucos recursos.

Juan González-Redondo, Capelán.

Versión en castelán