D. Julián celebra cos máis pequenos o VI Encontro Diocesano de Nenos

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este martes día 1 de maio, a Eucaristía do tradicional Encontro Diocesano de Nenos, unha cita que se iniciou no Seminario Menor e que concluíu na catedral compostelá. Varios centos de nenos e nenas acudiron a este encontro organizado desde a Delegación de Infancia e Mocidade. Era o VI Encontro Diocesano de Nenos, que tiña como lema deste ano “Jesús ten algo contarche”.

Tras os talleres e convivencia da mañá no Seminario Menor, mozos e mozas, cos seus pais e catequistas, trasladáronse á Catedral. Alí esperáballes D. Julián para celebrar con eles a Santa Misa neste día inicial do mes de maio, dedicado a María, e festa de San José Obreiro.

Na súa homilía, D. Julián agradeceu a presenza de nenos e nenas e díxolles que “hoxe é o voso día”, unha xornada que simbolizaba “como un día de sínodo para escoitarvos”. O arcebispo, que estivera cos rapaces pola mañá no Seminario Menor, comentoulles que era “un día grande para a diocese e para min”. Ademais, lembroulles a eles, e aos seus pais e catequistas, que “sodes xa o presente da diocese”.

Faloulles da harmonía que se vivía na familia de Nazaret, na que José, María e Jesús tecían un tapiz a través do “amor, a bondade e a xenerosidade”.

D. Julián pediu aos pequenos que contribuísen a crear ese mesmo ambiente cálido non só “na vosa familia”, senón tamén na parroquia e na diocese.

O arcebispo tivo un recordo especial para os nenos e nenas que recibirán a Primeira Comuñón e para aqueloutros que se preparan para facer a Confirmación. Pediulles, tamén, que rezasen por el e que fixesen frutificar a semente que cada un ten no seu interior.

O arcebispo igualmente tivo palabras de agradecemento para os pais e os catequistas. Ao final da Eucaristía funcionou o botafumeiro e na escalinata de Praterías, fotografouse con todos os rapaces.

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Versión en castelán