D. Julián participou nos traballos da Comisión Permanente da Conferencia Episcopal

A Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española (CEE) reuniuse en Madrid os días 29 e 30 de setembro de 2020, unha cita na que estivo presente o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. Os bispos puideron participar na reunión de maneira presencial ou telemática.

Temas da reunión

Nesta reunión os bispos traballaron sobre as liñas de acción pastoral da CEE para o quinquenio 2021-2025. Coñeceron o esquema e a base do documento de traballo, que ten por título provisional “A alegría da chamada para ser fieis ao envío misioneiro na novidade desta época”.

No capítulo económico, presentouse á Permanente a proposta de constitución e distribución do Fondo Común Interdiocesano para o ano 2021 e os orzamentos para o ano 2021 da Conferencia Episcopal Española e dos organismos que dela dependen. Como é habitual, teranse que aprobar na Plenaria de novembro.

A Comisión Permanente estudou tamén o borrador da “Instrución pastoral sobre o acompañamento na morte e o dó. Anuncio da Vida eterna. A celebración de exequias e inhumacións”, no que traballan de maneira conxunta as Comisións Episcopais para a Doutrina da Fe e para a Liturxia. O texto, tras a revisión da Permanente, presentarase na Asemblea Plenaria de novembro.

A base desta Instrución serán as «orientacións pastorais» asinadas polos bispos con motivo da publicación do Ritual de Exequias. O documento desenvolve cinco puntos: o sentido da morte do cristián; o sentido das exequias cristiás; sentido e significado da inhumación e da incineración; normas sobre a inhumación e da incineración; e a pastoral con ocasión da enfermidade, morte e exequias dos cristiáns.

Outros temas da orde do día

A Comisión Permanente aprobou o temario da Asemblea Plenaria prevista do 16 ao 20 de novembro, e a proposta de nomeamento de vicesecretario para Asuntos Económicos, que se presentará, para a súa aprobación, en dita Plenaria. Ademais, recibiron información sobre as actividades das Comisións Episcopais e distintos temas de seguimento.

Nomeamentos

A Permanente autorizou os seguintes nomeamentos da Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade Humana.

– D. José Emiliano Rodríguez Amador, laico da arquidiocese de Granada, como director do departamento de Pastoral Xitana da Conferencia Episcopal Española.

– D. Ramón Caamaño Pacin, sacerdote da arquidiocese de Santiago de Compostela, como director do departamento do Apostolado do Mar da Conferencia Episcopal Española (renovación).

– D. Ferrán Jarabo Carbonell, sacerdote da diocese de Xirona, como delegado nacional das Misións Católicas de Lingua Española en Alemaña.

Outros nomeamentos:

– D. Juan Martínez Sáez, renovado como director do Fondo Nova Evangelización.

– D. Jesús Robledo García, sacerdote da arquidiocese de Toledo, como viceconsiliario nacional da “Asociación Católica de Propagandistas” (ACdP).

– D. Eugenio Díaz Melero, sacerdote da diocese de Cádiz e Ceuta, como consiliario nacional do movemento de Acción Católica “Mocidade Obreira Cristiá”(JOC).

– D. Pedro José Caballero García, laico da arquidiocese de Toledo, renovado como presidente nacional da “Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e Pais de Alumnos” (CONCAPA).

– Dª Clara Manuela Fernández-Merino Gutiérrez, laica da diocese de Palencia, como presidenta xeral do movemento de Acción Católica “Mocidade Estudante Católica” (JEC).

– D. Carlos Raimundo Córdoba Ortega, laico da arquidiocese de Madrid, como presidente da asociación “Obra de Cooperación Apostólica Seglar Hispano Americana” (OCASHA).

Versión en castelán