Dedicación dun novo altar

No día de onte, san Cosme e san Damián, tivemos ocasión de vivir na nosa diocese a solemne celebración de dedicación do novo altar da parroquia de san Cosme de Antes. Ás 12.30 daba comezo a celebración que presidiu o noso Arcebispo, na que concelebraron o párroco, D. Alberto Recarey e un grupo de sacerdotes baixo a atenta e devota mirada de numerosos fieis.

altar2altar

 

Sen dúbida, a celebración dun sacramental como a dedicación dun altar sempre é motivo de alegría para unha comunidade parroquial. Trátase dunha celebración cuns ritos específicos de profundo calado teolóxico:

Canto das ladaíñas

Pídese a intercesión dos santos ante Xesucristo, único Mediador, ao cal se achan asociados todos os santos como partícipes da súa paixón e comensais do banquete do reino celestial.

Colocación das reliquias dos santos

Despois do canto das ladaíñas, se é do caso, colócanse baixo o altar as reliquias de mártires ou doutros santos, para expresar que todos os que foron bautizados na morte de Cristo, e especialmente os que derramaron o seu sangue polo Señor, participan da paixón de Cristo.

Oración de dedicación e unción do altar

A celebración da eucaristía é o rito máximo e o único necesario para dedicar un altar; con todo, de acordo coa común tradición da Igrexa, tanto oriental como occidental, dise tamén unha peculiar oración de dedicación, na que se expresa a vontade de dedicar para sempre o altar ao Señor e se pide a súa bendición.

Unción, incensación, revestimento e iluminación

Os ritos de unción, incensación, revestimento e iluminación do altar expresan con signos visibles algo daquela acción invisible que Deus realiza por medio da Igrexa cando esta celebra os sacros misterios, en especial a eucaristía.

a) Unción do altar: En virtude da unción co crisma, o altar convértese en símbolo de Cristo, que é chamado e é, por excelencia, o «Unxido», posto que o Pai o unxiu co Espírito Santo e o constituíu sumo Sacerdote para que, no altar do seu corpo, ofrecese o sacrificio da súa vida pola salvación de todos.

b) Quéimase incenso sobre o altar para significar que o sacrificio de Cristo, que se perpetúa alí sacramentalmente, sobe ata Deus como suave aroma e tamén para expresar que as oracións dos fieis chegan agradables e propiciatorias ata o trono de Deus.

c) O revestimento do altar indica que o altar cristián é ara do sacrificio eucarístico e ao mesmo tempo a mesa do Señor, ao redor da cal os sacerdotes e os fieis, nunha mesma acción pero con funcións diversas, celebran o memorial da morte e resurrección de Cristo e comen a Cea do Señor. Por iso o altar, como mesa do banquete sacrificial, vístese e adórnase festivamente. Iso significa claramente que é a mesa do Señor, á cal todos os fieis se achegan alegres para nutrirse co alimento celestial que é o corpo e o sangue de Cristo inmolado.

d) A iluminación do altar advírtenos que Cristo é a «luz para alumar as nacións», con cuxa claridade brilla a Igrexa e por ela toda a familia humana.

Tomado do Ritual da dedicación de igrexas e de altares.

 

Fonte: www.liturxia.com

Versión en castelán