Día da Igrexa Diocesana 2020

Abramos a xanela da esperanza

Queridos diocesanos:

Ante a celebración do Día da Igrexa Diocesana, o domingo 8 de novembro, pido ao Señor, en primeiro lugar, que todos vós e as vosas familias vos atopedes ben.

Neste ano tan complicado que todos estamos a vivir, ten especial importancia para nós a celebración do Día da Igrexa Diocesana que, evidentemente, non podemos reducir a un día porque se trata máis dunha forma de vivir o noso pertencer á Igrexa que a celebración dunha xornada. É unha nova ocasión para tomar conciencia da nosa pertenza a esta Diocese compostelá, que vive en comuñón con toda a Igrexa universal, e para darnos conta de que todos os cristiáns formamos unha gran familia, na que a alegría dun membro é a alegría de todos e os sufrimentos do outro son os nosos sufrimentos.

Nestes últimos anos vimos facendo especial fincapé en catro aspectos que concretan a nosa participación e colaboración, apoiados nun sentido de pertenza á Igrexa, como membros da familia dos fillos de Deus. Compartir o noso tempo e as nosas calidades, rezar uns por outros como membros da comunidade cristiá e polos que non pertencen a ela, e o noso apoio económico son os alicerces nos que apoiarnos para o sostemento da Igrexa que non se reduce só ao aspecto económico, senón que o transcende na súa realidade pastoral e evanxelizadora. Se nos axudamos uns a outros, creceremos xuntos.

Este ano na celebración o Día da Igrexa Diocesana, 8 de novembro, o domingo anterior á Xornada Mundial dos Pobres convocada polo papa Francisco, lémbrasenos que somos unha gran familia, a familia dos fillos de Deus, que está aberta a todos, especialmente aos máis necesitados. Por iso, somos o que ti nos axudas a ser. Somos unha gran familia contigo. Co teu tempo, as túas calidades, o teu apoio económico e a túa oración somos Igrexa.

É unha chamada á responsabilidade, a non sentirnos excluídos das tarefas que ten ante si a nosa familia diocesana. Como toda familia temos moitas necesidades, tamén económicas, que sacaremos adiante entre todos, coa colaboración xenerosa de cada un, que vos agradezo de todo corazón. Convídovos a seguir colaborando humana e economicamente nas moitas tarefas e servizos que realizamos entre todos na Igrexa diocesana.

Co patrocinio do Apóstolo Santiago o Maior e a axuda da nosa Nai, Santa María, Deus non deixará de bendicirnos con grazas abundantes neste ano Santo que temos por diante.

Co meu afectuoso saúdo e bendición.

+ Julián Barrio Barrio.
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán