Día da Muller

“Moitas cousas, dicía Frei Luís de León, escribíronse en loor do traballo e todo é pouco para o ben que hai nel, porque é o sal que preserva da corrupción a nosa vida e a nosa alma”. Este pensamento expresábao de maneira máis tallante Rilke cando escribía: “Traballar é vivir sen morrer”. Máis aló desta realidade, desde a luz do Evanxeo neste Día Internacional da Muller quero compartir as xustas reivindicacións dos seus dereitos, e ao mesmo tempo celebrar as conquistas xa logradas.

Nos Proverbios lemos: “Unha muller forte, Quen a achará? Supera o valor das perlas” (Prov. 31, 10). Sen dúbida a muller co seu talento e traballo está a contribuír a unha sociedade máis humanizada. Son evidentes os xestos cotiáns, admirables por outra banda, na defensa e o coidado da fraxilidade das súas familias.

O respecto á dignidade da muller é a condición indispensable para superar toda discriminación a partir da firme convicción de que home e muller son iguais en dignidade. A tarefa dunha muller nesa misión de transmitir valores e crenzas no seo da familia ou da sociedade é dun inmenso valor. Dicía Comte-Sponville: “O importante ten un alto prezo, é carísimo!; o esencial non ten prezo. Se esqueces o esencial, caes na barbarie. E se esqueces o importante, caes no anxelismo”. Estariamos no ámbito do esencial. “A Igrexa –escribe o papa Francisco– recoñece a indispensable achega da muller na sociedade, cunha sensibilidade, unha intuición e unhas capacidades peculiares que adoitan ser máis propias das mulleres que dos homes. Por exemplo, a especial atención feminina cara aos outros, que se expresa dun modo particular, aínda que non exclusivo, na maternidade”. Recoñecendo que moitas mulleres comparten xa responsabilidades pastorais xunto cos sacerdotes e os bispos, subliña que “aínda é necesario ampliar os espazos para unha presenza feminina máis incisiva na Igrexa. Porque o xenio feminino é necesario en todas as expresións da vida social; por iso, hase de garantir a presenza das mulleres tamén no ámbito laboral e nos diversos lugares onde se toman as decisións importantes, tanto na Igrexa como nas estruturas sociais” (EG 103).

A identidade e o papel da muller coñeceron ultimamente cambios notables na súa participación na sociedade actual. Aínda así, ano tras ano, os informes de Cáritas sobre a pobreza ofrécennos a situación da realidade feminina: maior paro entre as mulleres; mozas obrigadas a deixar en pouca idade os seus estudos; dificultades maiores para acceder a postos de traballo; imposibilidade de conciliar a vida familiar e laboral; cando non lamentables situacións de violencia ou de abusos que escandalizan, esixen xustiza e necesitan sanación.

Desexo que esta xornada nos conciencie máis no compromiso de defender a dignidade da muller, algo esencial e inherente á mensaxe do Evanxeo e ao ensino da doutrina social da Igrexa.

Mons. Julián Barrio
Arcebispo de Santiago

Artigo publicado no Correo Galego (8 de marzo de 2019)

Versión en castelán