Domingo de Resurrección. Homilía de Pascua do arcebispo

Ein Recht gesegnedtes Ostern wünscht Ihnen

Je vous prie d´ágréer mes meilleurs voeux de joyeuses Pâques

Witt my bets wishes for a truly blessed Easter

Bona Pasqua a tutti

Boa Pascua a todos

Felices Pascuas a todos

Feliz Pascua de Resurrección! Celebramos a obra suprema do amor de Deus Pai cara ao seu Fillo Xsús, morto e resucitado. As mulleres que estiveron xunto á cruz, atopan o día seguinte o sepulcro baleiro. “Queren despedir o morto e atopan a Cristo Vivo”. Neste día miramos serenamente o rostro do Resucitado. Nel “loitaron vida e morte en singular batalla e, morto o que é a Vida, triunfante levántase”. Este misterio e esta mensaxe son a credencial do discípulo de Cristo no seu peregrinar cristián.

A Resurrección é a resposta do Pai á obediencia do Fillo. “A este Xesús Deus resucitouno, do cal todos nós somos testemuñas. Con toda seguridade coñeza toda a casa de Israel que o mesmo Xesús a quen vós crucificasteis, Deus constituíuno Señor e Mesías” (Feit 2,32.36). Deus Pai confirmou coa resurrección a vida e a obra do seu enviado Xesucristo que “pasou facendo o ben e curando os oprimidos polo diaño porque Deus estaba con el” (Feit 10,38). O seu Espírito penetra o oculto da historia como o fermento na masa, como o sal na comida, como a luz na escuridade, e chámanos a aspirar aos bens de arriba, e a deixar a corrupción e mentira para actuar con sinceridade e verdade.

Cristo, “constituído Señor pola resurrección, obra xa por virtude do seu Espírito no corazón do home, purificando e robustecendo tamén aqueles xenerosos propósitos cos que a familia humana intenta facer máis levadía a súa propia vida e someter a terra a este fin”[1]. A súa  resurrección revela que podemos amar máis aló da morte e vivir facendo o ben. Así o están facendo tantos cristiáns martirizados. A resurrección é unha mensaxe de esperanza nunha sociedade que busca pretextos para a violencia que sempre degrada a dignidade da persoa e pon ao descuberto a nosa fraxilidade e a dificultade de construír a paz.

Ao Resucitado atopámolo na loita diaria en favor da vida, no compromiso cos pobres e no afecto con quen comparte xenerosamente o que ten. El precédenos nas persoas ignoradas dos nosos  tempos porque non son rendibles para determinados intereses ideolóxicos e económicos. O Señor envíanos para ofrecer a alegría pascual do amor fraterno. Manifestemos a nova vida nos nosos  pensamentos limpos, nas nosas palabras cheas de verdade, nas nosas decisións honestas! O home que perdeu a esperanza, atopa no Señor Resucitado a luz e o vigor para reavivala, sabendo que unha realidade mellor é posible, fundamentada na o amor a Deus e ao próximo, vencendo a pasividade, a indiferenza e o egoísmo.

O sepulcro estaba baleiro! Agora a nosa misión é crer e anunciar o evanxeo da alegría. A contemplación de Cristo resucitado axúdanos a dar sentido á vida e á morte, e a ver con mirada de fe os acontecementos. ”Que todo o mundo experimente e vexa como o abatido levántase, o vello renóvase e todo volve á súa dignidade  orixinal por Cristo de quen todo procede”! Disto son testemuñas moitas persoas que coidan os máis desfavorecidos, curan os enfermos, fanse presentes no mundo do sufrimento e da marxinación, traballan pola xustiza e anuncian a salvación de Deus. Xesús Resucitado é a pedra angular do novo edificio que acolle unha sociedade xusta e fraterna. Coa súa resurrección revestiunos do home novo.

Desde esta Cidade do Apóstolo, a Xerusalén do Occidente, neste Domingo de Resurrección do Señor, en nome da Diocese e dos que nos acompañan nestes días, xunto co Sr. Bispo Auxiliar, fago chegar coa nosa oración a felicitación pascual ao Papa Francisco. Tamén coa alegría que nos dá Cristo resucitado, saúdo con afecto pastoral a todos os diocesanos, aos irmáns da Igrexas separadas, aos das relixións non cristiás, e a todos os homes de boa vontade que peregrinan na nosa Diocese. Feliz  Pascua de Resurrección do Señor!

 

[1] Gaudium et spes, 35.

 

Foto de arquivo

Versión en castelán