Don Julián celebra a festa de Santa Tareixa na Igrexa do Carmen de Santiago e lembra que ela é “mestra de vida cristiá” para todos

Monseñor Julián Barrio presidiu hoxe, día 15 de outubro, festa de Santa Tareixa de Xesús, a Santa Misa na igrexa do convento das Carmelitas de Compostela. “Santa Tareixa”, dixo don Julián na súa homilía, “é verdadeira mestra de vida cristiá para os fieis de todos os tempos. Ela propón as virtudes evanxélicas como base de toda a vida cristiá e humana: en particular, o desapego dos bens, e isto incúmbenos a todos; o amor mutuo como elemento esencial da vida comunitaria e social; a humildade como amor á verdade; a determinación como froito da audacia cristiá; a esperanza teologal, que describe como sede de auga viva”.

Coa solemnidade propia da festa de Santa Tareixa de Xesús, o compostelán convento do Carmen acolleu esta tarde a Eucaristía que presidiu o arcebispo. Monseñor Barrio sinalou que “na nosa sociedade, a miúdo carente de valores espirituais”, a santa de Ávila, “ensínanos a ser testemuñas incansables de Deus, da súa presenza e da súa acción; ensínanos a sentir realmente esta sede de Deus que existe no máis fondo do noso corazón, este desexo de ver a Deus, de buscar a Deus, de estar en diálogo con el e de ser os seus amigos”.

O arcebispo lembrou a importancia da santa reformadora do Carmelo, aludindo á súa proclamación como doutora da Igrexa por parte de San Paulo VI, hai xa cincuenta anos. “A figura desta santa declarada Doutora da Igrexa, a primeira das mulleres, hai cincuenta anos por San Paulo VI”, lembraba don Julián, “ofrécenos un feixe de luz no momento actual que alenta a nosa esperanza cando non nos faltan temores na barca de Pedro. “Vémola ante nós como unha muller excepcional, como a unha relixiosa que, envolta toda ela de humildade, de penitencia e de sinxeleza, irradia ao redor de si a chama da vitalidade humana e da súa dinámica espiritualidade; vémola, ademais, como reformadora e fundadora dunha histórica e insigne Orde relixiosa, como escritora xenial e fecunda, como mestra de vida espiritual, como contemplativa incomparable e incansable alma activa”, dicía San Paulo VI”.

Monseñor Barrio lembrou, igualmente, a plena fidelidade da santa andareira á Igrexa; comentou que a súa personalidade “cultivou as virtudes como o esforzo intenso por dicir a verdade, gardar fidelidade, cumprir o prometido, impregnar as súas conversacións familiares de alegría e humanidade” e que “se distinguía pola súa grandeza de ánimo, a súa afabilidade e a súa estima a cada persoa”; e, por último, felicitou ás “MM Carmelitas”, á vez que agradeceu a Deus “que nos dera a Santa Tareixa como estímulo e modelo na nosa peregrinación terrea”.

Versión en castelán