Don Julián escribe unha carta a todos os diocesanos na Solemnidade de Todos os Santos

Camiño da santidade

Queridos sacerdotes, membros de vida consagrada e laicos:

Na Solemnidade de Todos os Santos diríxome para saudarvos con fraternal e pastoral afecto. Neste día celebramos o misterio da comuñón dos santos lembrando que creron o que nós cremos, esperaron o que nós esperamos e agora únenos a caridade que sempre permanece, animándonos a seguir no camiño á meta. Lémbrasenos a nosa vocación á santidade: “O Señor pídeo todo, e o que ofrece é a verdadeira vida, a felicidade para a cal fomos creados”[1]. Celebrar a todos os santos e lembrar os defuntos é boa ocasión para animar cristiamente a peregrinación á Cidadanía celestial.

Novamente por causa da pandemia vémonos envolvidos nunhas circunstancias que aínda que talvez esperadas, están a condicionar as nosas prácticas e formas pastorais pero ofrécennos retos e posibilidades que temos que afrontar. O risco pode ser que caiamos no abafo e no desánimo, na indiferenza e no esgotamento. Non nos é fácil o reunirnos para a celebración dos retiros, dos exercicios espirituais e dos encontros de formación nos que sempre nos agrada comunicarnos os uns cos outros. Botamos en falta unha participación maior nas celebracións litúrxicas. Ábrense novos camiños para a catequese de nenos e mozos. Dámonos conta de que xa non nos vale aquilo de pensar que sempre se fixo así. É necesario buscar alternativas e solucións con optimismo.

É tempo de discernimiento que podemos desenvolver coa oración, a reflexión, a lectura espiritual e o consello. Isto evitaranos estar a mercé das ocorrencias de cada momento. Dinos o papa Francisco: “Unha condición esencial para o progreso no discernimento é educarse na paciencia de Deus e nos seus tempos, que nunca son os nosos. El non fai caer lume sobre os infieis (cf. Lc 9,54), nin permite aos celosos arrincar o xoio (cizaña) que crece xunto ao trigo (cf. Mt 13,29). Tamén se require xenerosidade porque hai máis dita en dar que en recibir (cf. Feit 20,35). Non se discierne  para descubrir que máis lle podemos sacar a esta vida, senón para recoñecer como podemos cumprir mellor a misión que se nos confiou no Bautismo, e isto implica estar dispostos a renunciar ata dalo todo”[2].

Como vos escribía en marzo pasado, necesitamos acompañar e sentirnos acompañados, axudándonos os uns aos outros, material e espiritualmente, orando intensamente e avivando a esperanza cristiá. Temos moi presentes aos que están afectados polo coronavirus ou outras enfermidades que ante a pandemia pode dar a impresión de que quedan un pouco marxinados.

O teléfono e os medios telemáticos axúdannos a manter ese contacto dos uns cos outros, convertendo a distancia en proximidade e animando a nosa fraternidade para non perdernos en nós mesmos. Termino dicíndovos que, como o voso pastor, necesítovos a todos e téñovos moi presentes na miña oración, encomendándovos á Providencia divina coa intercesión de Santa María e o patrocinio do apóstolo Santiago.

Saúdavos con fraternal afecto e bendí no Señor.

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] FRANCISCO, Exhortación Apostólica Gaudete et exultate, 1.

[2] Ibid., 174.

 

Versión en castelán