O Arcebispado asina un convenio de colaboración co concello de Carral

O Arcebispado de Santiago asinou este martes un convenio de colaboración co concello coruñés de Carral con fins sociais. No convenio establécese a cesión por parte da Igrexa compostelá dunha parcela de case cinco mil metros cadrados situada no iglesario de san Vicente de Vigo. Nese terreo o concello ten previsto realizar unha pista polideportiva, un parque infantil e un aparcadoiro. O municipio comprométese a asumir o investimento necesario para acondicionar o terreo cedido e o seu mantemento. Tamén pagará unha anualidade de 720 euros que a parroquia de san Vicente de Vigo destinará a cubrir os gastos de auga, electricidade e recollida de lixo. Así mesmo, comprométese a realizar a limpeza dos atrios das igrexas do municipio que son usados como espazos públicos durante as festas parroquiais.

O convenio ten unha vixencia inicial de 30 anos, podendo prorrogarse de mutuo acordo unha vez finalice. Foi asinado polo ecónomo diocesano, Fernando Barros Fornos e o alcalde de Carral,, José Luis Fernández Mouriño.

Versión en castelán