O Arcebispado transfire a Cáritas Diocesana o total das achegas do presbiterio para atender as necesidades provocadas pola pandemia

  • Un total de 46.152,64 euros é o valor da xenerosa contribución de sacerdotes e diáconos

O Arcebispado de Santiago acaba de facer efectiva unha transferencia a Cáritas Diocesana por un total de 46.152,64 euros. Ese é o valor das achegas dos sacerdotes diocesanos a Cáritas, desde que no pasado mes de abril o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, pedise ao presbiterio diocesano un esforzo económico para contribuír a financiar os gastos en favor dos afectados pola pandemia do coronavirus.

Deste xeito, e grazas á xenerosidade dos sacerdotes e diáconos, a contía  acaba de ser entregada aos responsables de Cáritas para atender as necesidades derivadas da crise económica provocada pola pandemia.

Foi dos propios sacerdotes diocesanos de quen xurdiu esta iniciativa de realizar unha achega a Cáritas para contribuír aos gastos sobrevindos na atención ás persoas vulnerables a raíz da Covid 19.  Aos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago pareceulles unha excelente proposta e levouse a cabo baixo a lema “Sempre xuntos”, como xesto de fraternidade sacerdotal e de caridade propio do Xoves Santo.

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, enviara unha carta ao clero diocesano para sinalar o modo de facelo e indicar que cada sacerdote e diácono podería achegar o que vise conveniente segundo as súas posibilidades. Na Provincia Eclesiástica de Santiago cada diocese canalizou a proposta segundo distintas modalidades, pero unidas na mesma finalidade: apoiar economicamente a Cáritas na inmensa tarefa de servizo aos máis necesitados nestes meses.

 

Versión en castelán