O arcebispo agradece aos docentes a súa “misión” e anímaos a axudar os nenos para atopar “o sentido á súa vida”

  • Monseñor Julián Barrio inaugurou as Xornadas de Pastoral de Escolas Católicas e convidou a recuperar  “o Primeiro Anuncio e situalo no corazón da nosa pastoral”

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio participou hoxe, día 1 de febreiro, nas Xornadas de Pastoral organizadas en Compostela por Escolas Católicas, unha cita que se desenvolveu no Auditorio Abanca da capital de Galicia. Estas Xornadas de Pastoral estaban abertas á participación de todos os axentes de pastoral dos centros: profesores, persoal de administración e servizos, familias, mocidade animadora de comunidades cristiás, catequistas e/ou monitores de grupos xuvenil.

Na súa intervención de apertura deste encontro, o arcebispo de Santiago agradeceu a todos os asistentes “a misión que están a realizar” e dixo que o lema da xornada, “Pinta Vida, transformando a pastoral na Escola”, “anima a dar cor á vida nun campo tan significativo como é o acompañamento pastoral na escola”. Monseñor Barrio indicou que “non debemos esquecer que o sentido último da persoa se atopa  fóra dela mesma, atópase en Cristo e na apertura aos outros”. E sinalou que a misión dos educadores pasa por axudar os nenos e mozos a atopar “o sentido á súa vida”, lembrando que “a educación está por encima e vai máis aló do ámbito escolar”.

Na súa intervención monseñor Barrio comentou que “neste tempo consideramos a persoa nunha situación de emerxencia” e engadiu que a “emerxencia é o desconcerto que separa feitos e significado, deixando a  vida en mans do gran azar. A fe, en demasiadas ocasións, converteuse en algo pouco real. A visión cristiá xera un xuízo cultural e unha experiencia de vida significativa para todos, sendo imprescindible o diálogo baseado na razón común”.

Indicou, ademais, que “o cristianismo é unha proposta que cambia a vida humana cunha orientación absolutamente nova”. O arcebispo compostelán recoñeceu que “aínda que un mozo estude nun centro católico, acuda a clase de relixión, ou culminase o proceso de iniciación cristiá non quere por iso dicir que sexa un mozo cristianamente comprometido, nin moito menos convencido”. Por iso, apostou por recuperar “o Primeiro Anuncio e situalo no corazón da nosa pastoral”, tal e como propón o papa Francisco en Evangelii gaudium.

“Temos o deber de anunciar a mensaxe cristiá sen excluír a ninguén, non como quen impón unha nova obriga, senón como quen comparte unha alegría, sinala un horizonte belo, ou ofrece un banquete desexable. A Igrexa non crece por proselitismo senón “por atracción”, finalizou a súa intervención o arcebispo.

Na apertura das xornadas acompañaron ao arcebispo, Juana María Otero Torres, secretaria autonómica de Escolas Católicas Galicia, e Mercedes Méndez Siliuto, directora do Departamento de Pastoral de Escolas Católicas.

As xornadas tiveron catro relatorios. O primeiro deles, dedicado á exhortación Christus vivit, Implicacións das chamadas do Sínodo na Escola, correu a cargo de Santiago Domínguez, membro do Equipo de Pastoral Salesiana. Un segundo relatorio, Bosquexa os teus soños, Presentación dun proxecto para favorecer a cultura vocacional entre todos os membros da comunidade educativa, estivo dirixido por Miguel A. Sanz, do Equipo de Pastoral de La Salle.

O terceiro, Sinte, imaxina, crea, Claves de Design for Change, Metodoloxía para involucrar a nenos, adolescentes e mozos non cambio social, tivo como relator a Miguel Luengo, de Design for Change España. O último dos relatorios, Creatividade en rede, Propostas para a evanxelización polas redes sociais e para aprender a aprender neste areópago cambiante, foi impartido por Xiskya Valladares, do Equipo iMisión. A clausura do encontro correu a cargo de María Jesús Ferreiro Millán, responsable autónomica de Pastoral e de Juan Manuel Buján García, presidente de Escolas Católicas de Galicia e actual provincial dos Franciscanos na Provincia de Santiago.

Versión en castelán