O arcebispo encomia o papel da Archiconfraría do Apóstolo por promover non só os valores culturais do Camiño, senón sobre todo os espirituais

  • Intervención de monseñor Julián Barrio na inauguración do V Encontro Mundial de Confrarías do Apóstolo e Asociacións do Camiño de Santiago

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio encomiou hoxe o papel da Archiconfraría do Apóstolo Santiago, tanto na acollida de peregrinos como no seu celo por preservar o legado xacobeo. A intervención do arcebispo produciuse no curso da inauguración do V Encontro Mundial de Confrarías do Apóstolo e Asociacións do Camiño de Santiago que organiza a Archiconfraría Universal do Apóstolo Santiago como preparación á celebración do Ano Santo 2021. Esta cita conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo, a Catedral de Santiago e o Hostal dos Reis Católicos.

Na súa conferencia inaugural, A Archiconfraría do Apóstolo Santiago e o Ano Santo 2021, monseñor Barrio indicou que “os membros da Archiconfraría deben en toda ocasión favorecer e ilustrar o significado do Camiño de Santiago e da peregrinación xacobea, promovendo os valores do camiño non só culturais senón sobre todo o espirituais e acollendo aos peregrinos. No Camiño de Santiago podemos descubrir a xenealoxía, a xeografía e o testemuño dunha relixiosidade popular moi vixente na actualidade”. O arcebispo compostelán destacara, precisamente, o valor singular da relixiosidade popular ligada ao fenómeno da peregrinación: “O Camiño de Santiago é un ámbito de relixiosidade, de fe, de valores, de historia, de cultura e de ritos. Todo home é un peregrino e como tal vai realizando o seu peregrinar cos pasos destas realidades, unhas veces como procura e outras como achado. Exponse así a cuestión da relación entre relixión e fe cristiá. Isto equivale a dicir que a relixión constitúe un momento positivo dunha etapa imprescindible na formación do sentido cristián do sagrado. Polo tanto, a relixión é unha manifestación relativamente independente dentro da fe cristiá, e a relixiosidade popular pode considerarse como unha contextualización lexítima (o cal non quere dicir perfecta) da experiencia de Deus”, afirmou.

Monseñor Barrio, tras destacar a importancia teolóxica e histórica  da peregrinación, en especial da peregrinación a Santiago, indicou que “os Anos Santos tiveron sempre un obxectivo claro como é o de promover dentro da vida interna da Igrexa unha fonda renovación. Isto acentúase no aspecto penitencial, propio e característico da peregrinación a Santiago. O Ano Santo é unha graza para recuperar a confianza”.

A inauguración contou coa presenza do Excmo. Sr. Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio Barrio; o Excmo. Sr. Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González; o Ilmo. Sr. Alcalde de Santiago de Compostela, D. Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o Ilmo. Sr. Deán da Catedral de Santiago, D. Segundo Pérez López e o Sr. Presidente da Archiconfraría Universal do Apóstolo Santiago, D. Angel González Fernández.

O encontro conta con 11 países representados: España, Reino Unido, Portugal, Brasil, Alemaña, Venezuela, Francia, Polonia, Luxemburgo, Italia e  Filipinas. A listaxe de entidades representadas é o que segue: Confraternity of Saint James (Reino Unido), Centro de Estudos Jacobeus (Portugal), Confraría do Apóstolo Santiago de Vigo, Sankt Jakobus Bruderschaft Bamberg (Alemaña), St. Jakobus Gesellschaf de Berlin-Brandenburg (Alemaña), Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Ávila, Confraría do Apóstolo Santiago de Caracas (Venezuela), Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Confraría de Santiago de Wieckawicah Cracovia (Polonia), Confraría de Santiago de Luxemburgo, Real, Ilustre, Fervorosa e Moi Antiga Irmandade de Santiago Apóstolo  e Confraría de Nazarenos do Santisimo Cristo do Bo fin, María Santisima das Angustias de Aznalcazar, Asociación Espaço Jacobeus de Portugal, Confraría de Santiago de Compostela-Marzo Zero de Fortaleza (Ceará- Brasil), Confraría de Santiago Apóstolo de Madrid, Venerable Confraternita dei San Giacomo Maggiore Apostolo de Capizzi (Sicilia), Confraría do Apostolo Santiago do Rio de Janeiro (Brasil), Asociación Internacional Confraría Canteiros Hospitalarios de San Columbano, Asociación Internacional de Peregrinos Ave Fénix, Associaçao de peregrinos Via Lusitana, Ajova (Asociación Xacobea Valisoletana), Fundación Acollida Cristiá nos Camiños, Asociación de amigos do Camiño de Santiago de China, Beijing Camiño Int´l Cultural Exchange Center, Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, Confraria da Rainha Santa Isabel, Badische Jakobus-Gesellschaft, Confraría de Santiago Apóstolo da Coruña, Asociación Cultural Libredón,  Confraría A nosa Señora de Eunate, Diocese de Tui-Vigo (Delegación Camiño de Santiago), Confraría do Apóstolo Santiago de Pontevedra, Saint James Way European Association, Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Asociación Iacobus, Confraría de Santiago de Tui e Baixo Miño

Versión en castelán