O arcebispo coas familias

Centos de familias da Diocese compostelá responderon este domingo á convocatoria realizada polo arcebispo compostelán, mons. Julián Barrio, para participar na eucaristía con motivo da festividade da Sagrada Familia. Unha eucaristía organizada pola Delegación diocesana de Pastoral Familiar coa colaboración da Comunidade de Caná e Familias Invencibles. O Evanxeo foi proclamado polo novo diácono permanente, Arturo Alfonso Martínez Calvete.

Mons. Barrio comezou a súa homilía agradecendo a participación dos asistentes e pedíndolle a Deus a bendición para as familias, sobre todo “para as que están a pasar momentos de inclemencia”. Saudou tamén “con afecto os nenos e os mozos, os adultos e os anciáns neste atardecer sabendo que a Igrexa é familia e que a familia é igrexa doméstica”.

Mons. Barrio pediulles aos membros das familias que non se cansen de perdoar porque ser familia “implica xestar día a día a acollida e a convivencia, abrir as portas ao perdón e á reconciliación, querer e optar por dignificar a vida en todo ser humano”, o que implica “encarnar a igualdade na dignidade do home e a muller”. Lamentou que a vida familiar sexa “un dos ámbitos onde máis profundamente está a incidir o cambio sociocultural que a está afectando na experiencia relixiosa compartida e na primeira transmisión da fe aos fillos”. Neste sentido pediu ás familias que incentiven nos seus fillos a vocación á vida consagrada.

O arcebispo compostelán puxo á Sagrada Familia como exemplo a seguir e destacou dela que “camiñou na fe no medio das súas vicisitudes”, porque tamén “María e Xosé se sorprenden e se angustian” cando Xesús queda no templo e non volve a casa, “pero son fieis á súa misión”. Neste sentido estableceu un paralelismo cos pais actuais, tamén “angustiados porque o seu fillo non volve á casa despois dunha festa”.

Por último, mons. Barrio lembrou que, de acordo co plan de Deus, é na familia onde “é posible experimentar o amor máis parecido ao amor de Deus, porque na familia ámasenos sen condicións, non polo que facemos ou temos senón polo que somos”. Finalizou pedindo “para todas as familias da Diocese a bendición de Deus coa intercesión de Xesús, María e Xosé”.

Versión en castelán