O arcebispo de Pamplona lembra aos misioneiros que sufriron martirio e fala das dimensións da misión

  • Na mesa redonda houbo testemuños sobre experiencias en Honduras, Congo e Ecuador

As XX Xornadas de Teoloxía do ITC acolleron na xornada do xoves unha conferencia de monseñor Francisco Pérez, arcebispo de Pamplona e presidente da Comisión Episcopal de Misións, sobre “Os grandes retos da misión en clave de futuro. A interpretación do papa Francisco”; unha mesa redonda “Ante os problemas do mundo: unha misión de liberación, defensa da xustiza e anuncio do Reino”; e pola mañá senllas intervencións de Roberto Calvo, da Facultade de Teoloxía do Norte de España, falando “Da Redemptoris missio ao novo contexto globalizado: “a misión está aínda nos comezos”; e de Manuel Rodicio, misioneiro diocesano de Ourense, quen falou sobre “A misión ad xentes, hoxe: polos camiños do anuncio explícito e do testemuño”.

Na súa intervención, o arcebispo de Pamplona tivo en primeiro lugar un recordo para os misioneiros mártires, vítimas de distintas violencias que, dixo, preocupan tamén ás autoridades españolas. Fixo unha homenaxe, ademais, aos máis de once mil misioneiros españois que traballan en distintos países. Monseñor Pérez explicou que el sempre quixo ser misioneiro e lembrou que unha enfermidade, cando estaba a piques de marchar, impediullo, vendo niso a Providencia de Deus que lle chamaba a traballar en España. Desde entón entendeu que “ser misioneiro é estar atado á cruz de Cristo”.

Nunha conferencia chea de anécdotas, monseñor Francisco Pérez indicou que a misión ten catro dimensións: kerigmática, de comuñón, dialógica e profética. Da primeira, dixo que o kerigma é necesario, dado que existe moita xente que non oíu falar da Boa Nova e moitos, aínda que fosen bautizados, por mor da descristianización, atópanse desorientados e viven á marxe de toda vida cristiá.

Sobre a dimensión de comuñón na misión, a responsable da área misional na Conferencia Episcopal Española sinalou que sen ela non hai misión, indicando que sen comuñón a misión corre o risco de converterse nunha farsa. Unha comuñón, insistiu, entendida ao estilo da que se vive no seo da Trindade.

En relación á dimensión dialógica da misión, monseñor Francisco Pérez manifestou que ese diálogo ha de estar baseado en catro alicerces esenciais: a verdade, a xustiza, o amor e a misericordia. E lembrou que a misión da Iglesia estriba en fomentar “o Reino do noso Señor e en poñerse ao seu servizo”.

Ao falar da dimensión profética da misión, o arcebispo de Pamplona comentou que o auténtico profeta é aquel que escoita a palabra de Deus, sabe interpretar o momento concreto e proxectarse no futuro. Engadiu, ademais, que hai tres circunstancias nas que se dan as claves do profetismo actual: sentido da transcendencia, relación persoal recoñecendo no outro a un irmán e o perdón como a mellor medicina para o corazón.

Testemuños

Na mesa redonda Branca Serres, do Consello de Mozos de Obras Misionales Pontificias en Tarragona, falou da súa experiencia misioneira en Honduras e de como se anuncia a Palabra de Deus nun ambiente sociopolítico difícil, no que existen problemas graves de narcotráfico, violencia ou carencias educativas. A través das historias reais de Miriam, Ramón e Bessy, a moza tarraconense explicou que a presenza da Igrexa é como un faro de luz e esperanza para moitos, sobre todo grazas ao perdón das vítimas de violencia ou á tarefa educativa de moitos profesores comprometidos en proxectos de colaboración.

Pola súa banda, o misioneiro comboniano Juan Antonio Fraile relatou a súa experiencia no Congo cos pigmeos e como as tarefas e a dedicación dos misioneiros conseguiran que os membros desta etnia lograsen, tamén a través da educación, unha integración con outros habitantes de tan extenso país africano.

Na mesa redonda interveu tamén Carmen Hernández, doutora en Ourense e colaboradora da súa Misión Diocesana. Aludiu á importancia das súas raíces cristiás, na súa familia, como unha forma de implicarse na misión de anunciar o Evanxeo e de transmitir valores. Lembrou o seu traballo en Ecuador e como na misión o máis importante é o valor da persoa. “É o que che engancha”, dixo, “porque as persoas teñen nome e apelidos”. Carmen Hernández encomiou o traballo que fan tamén as oenegués, pero resaltou que o compromiso misional do cristián ten un plus e “a diferenza é que nós predicamos a Cristo”. “Non podemos achicar o cristián no solidario: somos máis que iso”, explicou.

Versión en castelán