O arcebispo emérito de Tánxer, monseñor Agrelo, fundamenta a “misión” da Igrexa desde “a historia da salvación”

O arcebispo emérito de Tánxer, o franciscano monseñor Santiago Agrelo, explicou que no seo da Igrexa non pode existir “misión” se non é dentro do contexto da “historia da salvación” e desde “a comuñón dos bautizados” con Cristo. Monseñor Agrelo pronunciou na tarde deste mércores unha conferencia no marco das XX Xornadas de Teoloxía do ITC. O bispo franciscano fixo un percorrido na súa exposición –baixo o título de Misión: “unxidos para evanxelizar os pobres”- sobre a fundamentación escriturística da tarefa misioneira da Igrexa. E fíxoo repasando os artigos de fe do Credo.

Monseñor Agrelo indicou que os cristiáns han de entender a misión como “unha forma de vida” propia de quen foi “ unxido” para “evanxelizar os pobres”. O arcebispo emérito de Tánxer explicou que na historia da salvación que se contén na Escritura -desde a Creación pasando  pola Alianza do Señor con Noé, Abrahám ou Moisés, a acción dos profetas, ata a Encarnación- apréciase a Deus como misioneiro, que pide aos seus interlocutores non tanto facer proselitismo como “estar á escoita” das necesidades dos máis pobres.

Nese repaso, monseñor Agrelo lembrou que en Cristo Xesús a palabra creadora fíxose carne e que a “misión” do Fillo de Deus fora “escándalo” para os que non entenderon que os destinatarios desa misión eran os máis necesitados. Tras aludir, tamén, á presenza do Espírito e á súa acción no débil para manifestar a gloria divina, o arcebispo franciscano sinalou que “ao corazón da misión” da Iglesia sonlle propios e necesarios realidades como “creación” ou “renovación”. Se “alguén di que é misioneiro”, indicou, é que “Deus continúa creando coas súas mans”. Á natureza da misión da Iglesia pertence o encontro entre Deus e o home, a súa Alianza e a súa pertenza recíproca, manifestou.

Na xornada deste mércores tamén interviñeron Ricardo Sanjurjo, profesor do ITC, quen falou sobre os “Fundamentos Bíblicos da Misión”, así como Juan Esteban Montoya Otalvaro, da Arquidioce de Zaragoza, quen disertou sobre “O Decreto Ad xentes: a repatriación das misións á misión da Igrexa”.

Versión en castelán