O arcebispo expresa o seu desexo de que os mozos teñan “un protagonismo maior na vida da Diocese”

  • Monseñor Julián Barrio inaugurou hoxe os traballos do primeiro Sínodo Diocesano de Mozos, ao que asistiron un centenar de mozas e mozos

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, instou hoxe, sábado, aos participantes no Sínodo Diocesano de Mozos a ser valentes e a tomar “a vida nas vosas mans e construíla cada mañá e cada tarde segundo o proxecto de Deus, á vez que expresou que “a Igrexa diocesana ámavos. Esta é a clave para entrar no ordenador da vosa existencia. O meu desexo é que teñades un protagonismo maior na vida da Diocese participando na comunidade eclesial onde tedes que expresar, celebrar e alimentar a fe, e recoñecer e asumir as responsabilidades”. A esta primeira sesión do Sínodo xuvenil, que se celebrou no Seminario Menor, asistiron case un centenar de mozos e mozas en representación das tres vigairías, dos arciprestados e de distintos movementos e congregacións. Ao encontro asistiu tamén o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González.

Un encontro longamente preparado, con todo tipo de detalles e con ambientación plenamente xuvenil. Así se desenvolveu hoxe no Seminario Menor de Santiago a primeira das sesións de traballo do Sínodo Diocesano de Mozos, unha cita que como lembraba o responsable da Pastoral de Infancia e Xuventude, o sacerdote Javier García, “é un acontecemento para toda a igrexa diocesana”. A reunión iniciouse cunha oración dirixida polos propios mozos, dous dos cales exerceron ademais como presentadores da xornada e animadores da sesión.

O arcebispo, monseñor Barrio, a quen acompañaba o seu bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández, agradeceu a asistencia dos mozos: “En primeiro lugar agradézovos a vosa presenza hoxe aquí. Día histórico para a pastoral diocesana no que vós facedes historia. Como pastor desta diocese alégrame de corazón ver os vosos rostros xuvenís, adiviñar as vosas esperanzas, saber que exercedes hoxe como representantes doutros moitos mozos que tamén senten a inquietude de saberse interpelados pola dimensión do misterio, pola fe que vive na Iglesia”, díxolles.

“A Igrexa diocesana ámavos”

“A Igrexa diocesana ámavos”, salientou o arzbispo, quen se mostrou convencido de que “esta é a clave para entrar no ordenador da vosa existencia. O meu desexo é que teñades un protagonismo maior na vida da Diocese participando na comunidade eclesial onde tedes que expresar, celebrar e alimentar a fe, e recoñecer e asumir as responsabilidades. Solidarizádesvos ante os males do mundo e colaborades nas diversas formas de voluntariado. Vagueade a fe”. Estamos aquí para escoitarnos e escoitarvos”.

Nunha cálida intervención, na que houbo lugar tamén para o humor, monseñor Barrio comentou que “os mozos sodes os verdadeiros aventureiros deste tempo e desta  época”. Mostroulles o seu afecto e a súa proximidade e asegurou que “é esperanzador que vos preguntedes polo sentido da vida, que descubrades e asimiledes a esixencia e dignidade de ser  cristiáns nas diversas posibilidades de vivir a vocación cristiá na Igrexa e na sociedade, e coidando o crecemento persoal e harmónico de todas as vosas potencialidades: a razón, a afectividade, a solidariedade, o diálogo, o compromiso pola xustiza e por unha sociedade de talla humana e a dimensión cultural animada por criterios do Evanxeo”.

O arcebispo pediulles a mozas e mozos que, a pesar das dificultades e os momentos complicados que poidan vivir, non poñan “nunca na vosa vida a Deus “en modo avión”: non vos desconectedes del, nin sequera nos momentos de dúbida que todo aventureiro experimenta no seu roteiro”. O arcebispo manifestou que “a igrexa diocesana quere facerse presente nos ambientes xuvenís cunha presenza activa e significativa, animándoos e guiándoos”.

Versión en castelán