O arcebispo felicita aos sacerdotes que celebran as súas vodas de platino, diamante, ouro e prata de ordenación sacerdotal

  • Monseñor Barrio dirixe unha carta ao presbiterio diocesano con motivo da festividade de San Xoán de Ávila, patrón do clero secular

Nunha carta dirixida aos sacerdotes con motivo da festividade de San Xoán de Ávila, monseñor Julián Barrio felicita “fraternalmente” a aqueles sacerdotes que “celebrades as vodas de platino, diamante, ouro e prata”. O arcebispo sinala que “outros anos, no día de hoxe estariamos a celebrar como presbiterio a festividade de San Xoán de Ávila, patrón do clero español. Tamén o facemos este ano aínda que non poidamos reunirnos”. O arcebispo, citando a carta do cardeal Stella aos sacerdotes españois na festa de San Xoán de Ávila, afirma que “a situación pola que estamos a pasar axudounos a valorar tamén a misión sacerdotal, vendo que “todo ser humano necesita, ademais de recursos materiais e atención médica, espazos para poñer nome aos seus sentimentos, luz e forza para seguir amando e confiando, para enfrontarse á incerteza, á enfermidade, á morte de seres queridos e ao fin da propia vida”[1].

Na mesma carta, monseñor Barrio lembra que a historia da Igrexa “é gloriosa porque é historia de sacrificios, de esperanzas, de loita cotiá, como o comprobamos nesta tempada. A nosa fe foise abrindo paso no medio de recursos humanos precarios, que no canto de desalentar animáronnos”.

O arcebispo comenta, en alusión á figura de San Xoán de Ávila, que “foi unha testemuña do amor de Deus. Na cruz pastoral propia do que vive o evanxeo, sentiuse inmensamente amado e escoitado. Sabendo que Deus con permanente amor nos escoita, míranos e pon atento o oído a todas as nosas penalidades, dicía que debemos pisar por onde Cristo pisou, porque non se evanxeliza con estratexias, métodos, accións, senón que os que evanxelizan son persoas que adoptan un determinado estilo de vida que é a que verdadeiramente evanxeliza”.

Monseñor Barrio apunta, ademais, que San Xoán de Ávila vía “a pobreza e o achegamento aos pobres con austero estilo de vida como necesarios para unha efectividade evanxelizadora. Non concibe a misión senón en fraternidade con outros sacerdotes e laicos, creando comuñón na súa contorna, deixándose formar por Deus a través dos acontecementos da vida, e buscando sempre a vontade divina cunha dispoñibilidade plena para cumprila. Son trazos dun estilo de vida que debe estar moi presente no voso proceso de formación para o sacerdocio, queridos seminaristas, e na vida de sacerdotes e diáconos”.

[1]Carta do Card. Stella aos sacerdotes españois na festa de San Xoán de Ávila,9 de maio de 2020.

 

 

Versión en castelán