O arcebispo inaugura este luns unha nova Capela de Adoración Perpetua en Santiago de Compostela

  • Cunha Eucaristía en San Fernando este luns día 20 de xaneiro, ás oito da tarde, quedará inaugurado este espazo de oración no ensanche compostelán

A partir do próximo luns, día 20 de xaneiro, Santiago de Compostela sumarase á nómina de cidades que en todo o mundo dispoñen dunha Capela de Adoración Eucarística Perpetua. Esta capela aloxarase na igrexa parroquial de San Fernando e a súa inauguración terá lugar tras a celebración da Santa Misa que presidirá o arcebispo, monseñor Julián Barrio, a partir das 20:00 horas. Ao seu termo, e tras unha procesión polas rúas adxacentes, se entronizará o Santísimo na cripta do templo, lugar que acollerá a Adoración Perpetua. Ata o momento, na Arquidiocese compostelá só a cidade da Coruña contaba cunha capela similar.

Nunha Carta Pastoral dirixida aos diocesanos de Santiago, o arcebispo sinala que “é para min un motivo de esperanza o que haxa tantos laicos que se comprometeron a manter esta nova Capela de Adoración Perpetua cubrindo as quendas dunha hora á semana”. Monseñor Barrio engade que “espero dela moito froito”.

Segundo explica o arcebispo, “é un signo dos tempos que florecesen e se manteñan tantas Capelas de Adoración Perpetua nos últimos anos. Certamente a Igrexa, o mundo e a nosa sociedade necesitan moita oración, sabendo que «cando adoramos, permitimos que Xesús nos sande e nos cambie». “Adorar é facer un éxodo da escravitude máis grande, a dun mesmo. Adorar é poñer o Señor no centro”, indica monseñor Barrio en alusión á homilía do papa Francisco na Epifanía deste ano.

O arcebispo lembra, ademais, que “a nosa cidade, privilexiada por custodiar o sepulcro do Apóstolo, ten tamén a responsabilidade de acoller a tantos peregrinos que moitas veces demandan lugares tranquilos para orar en silencio. Estou convencido de que esta Capela de Adoración Perpetua pode ser un gran servizo para iso, sen esquecer que para a Cidade e para a Diocese será unha fonte de fecundidade apostólica”.

Este novo espazo de oración ao Santísimo súmase á Igrexa das Orfas e á Capela da Comuñón da Catedral, coa diferenza de que a adoración en San Fernando pódese facer a calquera hora do día ou da noite.

Aos DIOCESANOS DA CIDADE DE SANTIAGO

12 de xaneiro de 2020

Queridos diocesanos da cidade de Santiago:

O día 20 de Xaneiro inauguramos a segunda Capela de Adoración Perpetua na nosa diocese. A primeira foi na cidade da Coruña, agora ábrese na nosa cidade.

Consciente de que, como nos lembraba o Papa Francisco, «a teoloxía e a eficiencia pastoral valen pouco ou nada se non se dobran os xeonllos», (Homilia da Epifanía 2020), é para min un motivo de esperanza o que haxa tantos laicos que se comprometeron a manter esta nova Capela de Adoración Perpetua cubrindo as quendas dunha hora á semana. Espero dela moito froito.

É un signo dos tempos que florecesen e se manteñan tantas Capelas de Adoración Perpetua nos últimos anos. Certamente a Igrexa, o mundo e a nosa sociedade necesitan moita oración, sabendo que «cando adoramos, permitimos que Xesús nos sande e nos cambie». “Adorar é facer un éxodo da escravitude máis grande, a dun mesmo. Adorar é poñer o Señor no centro” (Homilia Epifanía 2020).

A nosa cidade, privilexiada por custodiar o sepulcro do Apóstolo, ten tamén a responsabilidade de acoller a tantos peregrinos que moitas veces demandan lugares tranquilos para orar en silencio. Estou convencido de que esta Capela de adoración Perpetua pode ser un gran servizo para iso, sen esquecer que para a Cidade e para a Diocese será unha fonte de fecundidade apostólica.

Anímovos a que adoredes o Señor neste novo espazo que se suma á igrexa das Orfas, e á Capela da Comuñón na nosa Catedral, destacando que aquí se pode adorar o Señor a calquera hora do día ou da noite. Anímovos a experimentar a graza de dedicar unha hora á semana para “estar con quen sei que nos ama” (Sta. Tareixa). Deixémonos interpelar por Xesús que nos di como aos Apóstolos: Non puidestes velar comigo unha hora? (Mt 26, 40)

Na festa do Bautismo do Señor, con cordial afecto e bendición.

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

Versión en castelán