O arcebispo convidou os asistentes ao acto de desagravio pola profanación da capela universitaria a practicar a misericordia e o perdón

“Esta tarde reunímonos nunha celebración moi especial. Esta pequena capela é para a maioría de nós a nosa «tenda do encontro», e foi a parada e o descanso dun gran número de universitarios ao longo destes anos.  Nela moita mocidade  atopamos a Xesús e recibímolo e adorámolo, vivindo unha experiencia de Igrexa viva e moza que marcou as nosas vidas. En comuñón con toda a Igrexa e cunha particular intercesión dos santos viviremos agora unha liturxia de marcado carácter penitencial. Neste día do Sagrado Corazón de Xesús rezaremos por esas persoas que profanaron o máis sagrado que temos os cristiáns. Uniremos a nosa oración para reparar e desagraviar ese corazón do Fillo de Deus que se fixo home e que tanto sufriu. Anímovos a vivir con fervor e coa gran intensidade do Inmaculado Corazón de María esta celebración que imos comezar”.

Con esta monición comezaba este venres o acto de reparación e desagravio pola profanación da capela universitaria no campus da USC, presidido polo arcebispo de Compostela, monseñor Julián Barrio. Co altar sen vestir e co sagrario aberto, o arcebispo iniciou o acto penitencial que coincidía coa celebración da solemnidade do Sagrado Corazón. Monseñor Barrio foi asperxendo con auga bendita as paredes da capela e asperxendo aos presentes na cerimonia.

Na súa homilía, monseñor Barrio agradeceu vivamente a presenza da mocidade  neste acto, indicando que os asistentes foran convocados a cantar as marabillas do Señor, a misericordia de Deus, o amor do Pai a todos e cada un dos homes e mulleres, tamén a quen perpetrara a profanación da capela universitaria.

O arcebispo insistiu en que os cristiáns han de configurar o seu corazón á actuación do corazón de Xesús, lembrando que o corazón de Cristo está “durmido” para o castigo e sempre “esperto” para o perdón e a misericordia. Convidou, ademais, a pedir o que chamou un “transplante” de corazón: deixarnos converter a ese corazón de Xesús que nos chama ao amor e non ao odio, á reconciliación e non á ira.

A Eucaristía finalizou cun acto de adoración ao Santísimo. A Custodia exposta sobre o altar recolleu as peticións de perdón que algúns dos presentes quixeron compartir e, tras ese intenso intre de oración, o arcebispo impartiu a bendición coa Custodia.

Como se sabe, as Delegacións de Pastoral Universitaria e Pastoral de Infancia e Xuventude informaran hai días dun acto de profanación na Capela Universitaria da USC. Segundo as primeiras investigacións, un grupo de persoas forzou a súa entrada á Capela Universitaria da USC, sita no Campus Sur de Santiago, detrás do Colexio Maior Fonseca. Dentro, realizaron numerosas desfeitas materiais, de valor non moi elevado, pero que indubidablemente supuxeron un trastorno para a actividade normal da Capela. O máis doloroso foi a profanación das Sagradas Formas, que se atopaban no sagrario. “Máis aló de calquera consideración económica, a dor que nos supón ver o noso Señor así, maltratado, é incalculable”, indicábase desde a Delegación de Infancia e Xuventude e desde Pastoral Universitaria.

Versión en castelán