O Arcebispo pide aos catequistas seguir evanxelizando “co voso testemuño”

  • Monseñor Barrio presidiu a Eucaristía que culminou o encontro e a homenaxe aos que cumprían as súas vodas de prata, ouro e platino

O Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe a Eucaristía coa que culminou a Asemblea de Catequistas. Nunha cerimonia que se desenvolveu na igrexa do mosteiro das Beneditinas, o arcebispo pediu aos catequistas que seguisen “dando a coñecer a vida e a historia de Xesús non só con palabras senón co voso testemuño”. Monseñor Barrio animounos a continuar coa súa tarefa e díxolles que “mentres catequizades, facédesvos testemuñas de Cristo, cunha fe que motiva, cunha esperanza que orienta e cunha caridade que realiza o sentido da vida. Esta é a mensaxe que levades nas vosas alforxas”. Pola mañá, o arcebispo saudara aos participantes na asemblea. Monseñor Barrio presidiu, ademais, o acto de homenaxe e recoñecemento aos catequistas que celebran este ano as súas vodas de prata, ouro e platino. Recibiron a homenaxe de prata, 42 catequistas; o de ouro, 10; e 4 o de platino. Deles, 30 son sacerdotes.

Unha xornada chea de emocións e cargada de simbolismos. Así se desenvolveu hoxe a cita que acolleu en Santiago a varios centenares de catequistas de toda a Arquidiocese compostelá. Organizada polo Secretariado de Catequese, a asemblea anual destes axentes de pastoral tivo como lema “Acompañantes no camiño da fe”  e como eixo de reflexión a figura de Moisés. O arcebispo, monseñor Barrio, aludiu a iso na súa homilía da Eucaristía de envío e dixo que “sodes como iconas do rostro de Moisés e de Cristo, cheos de esperanza que vén non de nosas propias forzas ou do noso carácter optimista, senón da presenza continua do amor que nos acompaña: Só quen recoñeceu en Cristo o Mestre e Señor, teñen experiencia de primeira man e están capacitados para chamar a outros e percorrer o camiño con eles”.

A Asemblea de Catequistas dera comezo co acto de acollida celebrado no Auditorio Abanca. Alí tivo lugar a charla de reflexión para centrar os traballos da xornada. Nela, o franciscano Miguel de la Mata lembrou aos catequistas o seu compromiso testemuñal. Baixo o título “Como Moisés, de vocación acompañantes no camiño da fe”, Miguel de la Mata explicou que a fe cristiá se vive en clave vocacional: de vocación “catequista acompañante no camiño da fe”.

Tamén sinalou que a figura de Moisés é exemplo para todos os catequistas, porque ensina a escoitar un Deus que “pide”, para despois ensinar aos demais a escoitar. Para o catequista, Moisés é modelo de actuación porque co seu si a Deus confía e convida a confiar, arrisca e ensina a arriscar, entrégase e convida a vivir entregándose.

De la Mata comentou, igualmente, que fan falta tres viaxes: da superficialidade á profundidade (cara ao deserto); do egoísmo á oblatividade (cara á periferia); e da pasividade á creatividade (cara á fronteira).

No mosteiro das Beneditinas tivo lugar un acto cheo de simbolismo, con oración, refexión e compromiso sobre dúas realidades presentes no peregrinar do catequista: o paso do mar Rubio, para superar a sociedade líquida, e o andar polo deserto, que forma parte da vida.

Ao longo da xornada houbo unha homenaxe aos catequistas que cumpren este ano vodas de prata, ouro e platino na súa tarefa pastoral. Recibiron a homenaxe de prata, 42 catequistas; a de ouro, 10; e 4 a de platino. Deles, 30 son sacerdotes.

Ademais, houbo un total de 10 casetas no claustro de San Martiño Pinario e celebráronse 9 obradoiros. Nas diferentes casetas instaladas xa no Seminario Maior estiveron presentes Pastoral Xuvenil, Equipos da Nosa Señora, o Centro de Orientación Familiar (COF), Catequese, o Centro de Escoita de Pontevedra ou o Equipo Diocesano de Godly Play, 5+1 da Coruña, ou a parroquia de San Fernando, entre outros.

Versión en castelán