O arcebispo pide na Xornada de Acción Católica e Apostolado Segrar unha implicación activa dos laicos na vida diocesana

D. Julián Barrio, o noso arcebispo, acaba de facer pública unha Carta Pastoral, na que anima os segrares a implicarse activamente na vida da Igrexa diocesana. O texto preséntase aos diocesanos con motivo do Día da Acción Católica e Apostolado Segrar, xornada que se celebrará este próximo domingo día 9 de xuño, coincidindo con Pentecoste.

O arcebispo compostelán indica, por exemplo, que “os laicos na nova etapa da Igrexa han de dialogar a través do seu testemuño, con este mundo sempre en procura e inquieto”. Ademais, monseñor Barrio sinala que o chamamento a esa “implicación parroquial vai dirixido a todos pero especialmente aos membros da Acción Católica e de todos os movementos e asociacións apostólicas, dando testemuño de fe, esperanza e  caridade”.

“O gozo pascual”, explica D. Julián, “motívanos a revisar a vitalidade do noso laicado, o «apostolado segrar», e desde aí tomarlle o pulso á tarefa evanxelizadora diocesana, preparando tamén desde a nosa Diocese o Congreso nacional de Laicos”.

Ademais, a Comisión Episcopal de Apostolado Segrar (CEAS) lembra na súa mensaxe para este Día que a solemnidade de Pentecoste “unha das máis importantes no calendario da Igrexa, debido a que actualizamos o cumprimento da promesa de Cristo aos apóstolos de que o Pai enviaría o Espírito Santo para guialos na misión evanxelizadora”. “Neste contexto -continúa- celebramos o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar subliñando que cada fiel laico, animado pola forza do Espírito Santo, está chamado a descubrir, no medio do Pobo de Deus, que é unha misión”.

 

Versión en castelán