O arcebispo pide un novo impulso para a renovación pastoral na Igrexa diocesana

  • Monseñor Barrio asistiu ao encontro de balance do curso, ao que acudiron vicarios, delegados, directores de secretariados e arciprestes

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, pediu hoxe fortalecer o impulso para levar a cabo unha renovación pastoral en toda a Igrexa diocesana. Así llo indicou a vigairos, delegados e directores dos distintos secretariados da Arquidiocese, que participaron nun encontro na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais. Á reunión asistiron tamén os arciprestes. O bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández, agradeceu a presenza do arcebispo e a súa implicación nesa renovación pastoral.

Na reunión de balance pasouse revista a como se levaron a cabo os obxectivos propostos para este curso, cal fora a interacción coa Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP) e cal o grao de coordinación entre todas as delegacións ou arciprestados. Na súa intervención inicial, monseñor Barrio fixo alusión a que toda a tarefa de renovación pastoral nace como un froito do recente Sínodo Diocesano, do que dixo que se alegraba de que non “quedase en papel mollado”. Indicou que, a pesar das dificultades para poñer en marcha as súas conclusións, “iso non nos pode paralizar”. O arcebispo animou a todos a traballar na dirección dun novo impulso pastoral, tendo en conta, lembrou, o reto que supoñerá para a Igrexa en Santiago a celebración do próximo Ano Xubilar Compostelán. “Hai que buscar e apoiar iniciativas novas”, explicou monseñor Barrio, lembrando que a carencia de sacerdotes esixe un esforzo de imaxinación para as tarefas pastorais.

Versión en castelán