O arcebispo presidiu en Santiago o acto de veneración das reliquias de Santa Bernadette

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe unha Eucaristía na compostelá Igrexa de San Fernando, con motivo da visita das reliquias de Santa Bernadette. D. Julián agradeceu a presenza de todos os asistentes, en especial aos procedentes do Cottolengo e ás Irmanciñas dos Pobres. Na súa homilía dixo que a visita das reliquias había que vivila en espírito de gozo e esperanza. Monseñor Barrio explicou que a santidade non é senón acoller a vontade de Deus sobre as nosas vidas.

Dixo tamén que «as reliquias dos santos son signos pobres e fráxiles do que foron os seus corpos, cos que pensaron, actuaron, rezaron, sufriron e experimentaron a morte. Destes signos sérvese Deus para manifestar a súa presenza e facer brillar o seu poder e a súa gloria, xa que El é quen actúa por medio deles».

O arcebispo destacou algúns trazos da vida de santa Bernadette, como  a pobreza, a humildade e a sinxeleza e lembrou que «antes das aparicións, a súa vida estivo marcada por non poucas penalidades, dentro dunha familia pobre, á que lle tocou peregrinar dun lado a outro por motivos laborais, e afrontar desdichas ao non contar coa formación axeitada».

Dixo D. Julián que Bernadette foi un exemplo de entrega no seguimento da cruz, así como de amor á Santísima Virxe, co rezo do Rosario. «Pobreza, oración e penitencia, caridade e Deus son as palabras que conforman a súa mensaxe. Eran as liñas fundamentais que animaban a súa vida», asegurou.

Antes da Eucaristía houbo exposición do Santísimo, rezo do Rosario e unha charla a cargo de Javier Ozores, membro da Hospitalidade de Lourdes, quen falou de «A María por Bernadette».

Versión en castelán