O arcebispo presidiu a Eucaristía da Virxe da Medalla Milagrosa

O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu este mércores a Eucaristía que puxo termo á novena da Virxe da Medalla Milagrosa, cerimonia que tivo lugar na compostelá Igrexa de Santa María Salomé. Co templo cheo de fieis, o arcebispo agradeceu o traballo dos membros da Asociación da Medalla Milagrosa e lembrou a orixe desta devoción, que dixo formaba parte da relixiosidade popular.

Na súa homilía, monseñor Barrio asegurou que a Virxe María segue sendo un faro para iluminar a vida dos crentes e un exemplo de entrega á vontade de Deus. En alusión á lectura do Evanxeo no que se narraba o primeiro signo de Xesús nas vodas de Caná, o arcebispo dixo que a actitude de María foi a de manifestar a centralidade do seu Fillo: “facede o que El vos diga”. Don Julián sinalou que a Nai do Redentor é tamén un exemplo de fe e de proximidade aos demais, aos máis necesitados. Ela, comentou o arcebispo, “non se ensimesmou” senón que, como demostra a súa viaxe para acompañar á súa curmá Sabela, saíu de si mesma en misión de servizo.

Tras lembrar as grazas, “milagres cotiáns”, que se nos conceden por mediación da Virxe, don Julián indicou que esa solicitude de María polos necesitados tamén ha de ser a nosa, xa que é na súa atención onde atopamos a Deus. “Sen Deus somos demasiado pobres para atender os pobres”, comentou.

Ao final da Misa rezouse a novena á Virxe da Medalla Milagrosa.

Versión en castelán