O arcebispo presidirá o venres unha vixilia de oración

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, presidirá este venres unha vixilia de oración preparatoria da II Xornada Mundial dos Pobres, que se celebrará o domingo. A vixilia comezará ás 6 da tarde na parroquia compostelá de san Benito. No acto intervirá un usuario da cociña económica, institución da Igrexa que colaborou na preparación destes actos juntamente con Cáritas e a congregación dos franciscanos.

A celebración virará ao redor de tres verbos: gritar, responder e liberar. Con eles resúmese a pasaxe bíblica do cego que gritou e foi escoitado por Jesús, que acolle a súa pobreza e libérao do mal que o afectaba. Os obxectivos desta Xornada mundial son descubrir o valor dos pobres, facerlles descubrir que a súa chamada de auxilio non cae no baleiro porque hai quen os escoita, e, finalmente, tomar conciencia da actitude ante a pobreza e os pobres. De feito a Igrexa quere poñer en valor a dimensión estratéxica que a loita contra a pobreza ten na súa misión evanxelizadora. De acordo coa última Memoria de actividades da Conferencia Episcopal, case 5 millóns de persoas en situación de precariedade social foron acompañadas e atendidas nalgún dos 9110 centros sociais e asistenciais da Igrexa en toda España.

A Xornada Mundial dos Pobres xurdiu en novembro de 2016 coincidindo co peche do Ano da Misericordia e cando o papa Francisco celebraba na Basílica de San Pedro o Xubileu dedicado ás persoas marxinadas. Ao finalizar a súa homilía, e de modo espontáneo, o papa expresou o seu desexo de que “quixese que hoxe fose a Xornada dos pobres”. Desde entón celébrase en toda a Igrexa universal o último domingo do tempo ordinario (o domingo XXXIII) previo á festa de Cristo Rey.

Versión en castelán