http://www.archicompostela.es/o-arcebispo-recorda-especialmente-aos-nenos-e-nenas-que-se-preparan-para-facer-a-primeira-comuñón-nesta-situacion-atipica

  • Monseñor Barrio presidiu a solemnidade do Corpus Christi, lembrando a dimensión caritativa e o traballo da Igrexa pola xustiza

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe domingo, solemnidade do Corpus Christi, a Eucaristía que se celebrou na Igrexa compostelá de San Francisco. Foi unha cerimonia sinxela e sobria, ao final da cal se realizou unha procesión co Santísimo polo interior da Iglesia, levando o arcebispo a Custodia. Ao comezo da súa homilía, monseñor Barrio aludiu aos nenos, que sempre son protagonistas nas tradicionais procesións co Santísimo: “O meu recordo especial para os nenos/as que se preparan para facer a primeira comuñón nesta situación atípica que vivimos”.

O arcebispo compostelán tamén resaltou a dimensión caritativa desta xornada, con especial relevancia para Cáritas. “Día a día”, lembrou monseñor Barrio, “atopámonos cos necesitados, que denuncian o egoísmo e a indiferenza. Cando non se respecta a xustiza e non se vive a caridade, evadímonos en auto-xustificacións. Alimentarnos da Eucaristía comprométenos a aceptarnos e comprendernos, perdoarnos e amarnos, construíndo un mundo máis xusto, solidario e fraterno, unidos con Cristo e entre nós”.

“A Cristo”, continuou o arcebispo, “temos que recoñecelo no rostro dos nosos irmáns. A súa presenza real ha de chegar como curación, consolo, verdade e liberdade a todos os que sofren na alma ou no corpo. Celebrar o Día da Caridade é asumir a proposta que Deus nos fai de vivir como irmáns desde a gratuidade e doazón, a acollida e a hospitalidade, o respecto e a comprensión. Estou á porta e chamo, di o Señor. Chámanos en calquera dos descartados da nosa sociedade”.

Monseñor Barrio dixo, ademais, que “na Eucaristía atopamos por mor de toda a acción caritativa e social e a forza para motivala e sostela na nosa existencia. A nosa vitalidade cristiá depende da Eucaristía e está esencialmente vinculada a ela de tal forma que sen vida eucarística non pode haber senón aparencias ou convencionalismos de vida cristiá”.

A bendición co Santísimo puxo fin á celebración desta solemnidade do Corpus Christi.

Versión en castelán