O arcebispo une a súa voz á das entidades promotoras da iniciativa Igrexa polo traballo decente

  • Nunha Carta Pastoral con motivo da xornada que se celebrará o próximo 7 de outubro, monseñor Barrio lamenta a precariedade laboral e lembra a importancia da Doutrina Social da Igrexa

 “Alégrame poder comunicarme convosco con motivo da Xornada Mundial polo Traballo decente que terá lugar o 7 de outubro. A comunidade cristiá está convidada a manifestar esta preocupación a través das vixilias de oración, participación na Eucaristía e outras actividades cívicas que traten de concienciar sobre esta realidade”. Así comeza a Carta Pastoral que o arcebispo, monseñor Julián Barrio, dirixe ás distintas entidades promotoras da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente, que por sexto ano consecutivo convidan a participar nos diferentes actos, de forma individual ou colectiva, para manter viva a conciencia da necesidade dun traballo decente.

O arcebispo une así a súa voz á daqueles que lembran “o sentido creador do traballo” e traballan para erradicar “a secuela da precariedade laboral que caracteriza o actual sistema de relacións laborais e que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias. Na súa carta, monseñor Barrio lembra que “no Manifesto para esta Xornada sublíñase que a realidade actual está a visibilizar as consecuencias dun modelo produtivo incapaz de xerar emprego con alto valor engadido e marcado polas altas taxas de precariedade laboral. Constátase que demasiados empregos considerados esenciais manteñen condicións laborais tan precarias que algunhas veces rozan a vulneración de dereitos e moitas a imposibilidade do sostemento da vida”.

O arcebispo indica, ademais, que “é responsabilidade da comunidade cristiá acompañar as persoas que non teñen un traballo, mantendo unha actitude profética que denuncie aquelas situacións contrarias á dignidade humana, e agora con maior intensidade vendo a incidencia que está a ter a pandemia na destrución dos postos de traballo. Os movementos de Igrexa polo traballo decente traballan co fin de visibilizar a loita por conseguir que o traballo decente sexa cada día máis real na vida das persoas e respectuoso coa casa común. Temos que concienciarnos de que non debemos tratar de solucionar o propio esquecendo as situacións precarias dos demais”.

Monseñor Barrio asegura que “a Doutrina Social da Igrexa nos urxe a lembrar a dignidade inviolable da persoa humana, o destino universal dos bens da creación, a participación de todos na procura de ben común, a solidariedade e a subsidiaridade, e chámanos a renovar o noso compromiso coa cultura do traballo que esixe renunciar a condutas consumistas e materialistas que non o valoran, e asumir un estilo de vida en austeridade como axuda ao outro. Hanse de defender os dereitos dos que traballan pero non se poden ignorar os dos que non atopan traballo, cando o traballo é un dereito e un deber”.

“A crise da pandemia puxo de relevo as debilidades estruturais do Estado de benestar en España e a necesidade do traballo decente para o desenvolvemento dunha sociedade fraterna. Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario”, lembra o arcebispo citando o manifesto para esta xornada.

Versión en castelán