O Cabildo da Catedral de Santiago, a parroquia de San Miguel e a Confraría realizan unha súplica a San Roque

Esta mañá, na capela de San Roque da cidade de Santiago de Compostela, representantes do Cabido da Catedral de Santiago, a parroquia de San Miguel dos Agros e a Confraría de San Roque realizaron un breve acto litúrxico de súplica a San Roque, solicitando a súa intercesión ante a pandemia causada por coronavirus.

No ano 1517 o Cabido e os rexedores da cidade de Santiago de Compostela invocaron a intercesión de S. Roque con ocasión dun terrible brote de peste. Desde entón, hai máis de cincocentos anos, o Concello e o Cabido renovan o voto da cidade ao Santo; hoxe, como entón, sentimos especialmente a nosa fraxilidade e temor ante a ameaza da enfermidade que se propaga sixilosa e invisiblemente.

O Cabido, a parroquia de S. Miguel –á que pertence a capela dedicada a S. Roque- e a Confraría quixeron orar ante a imaxe de S. Roque implorando a súa protección pola humanidade; especialmente polo persoal sanitario, as forzas de seguridade, os integrantes de servizos esenciais, os traballadores que se atopan máis expostos e as autoridades públicas que deben afrontar a xestión desta pandemia en España.

Elevando a súa pregaria por cantos faleceron, polos que se atopan prostrados en situación máis grave nos hospitais, por cuantos están a vivir períodos de corentena e por toda a cidadanía pois o compromiso de todos, seguindo as instrucións das autoridades sanitarias, permitirá afrontar este reto con esperanza.

Para todos nós, acomodados a un modo de vida marcado polo confort, a satisfacción inmediata dos desexos, o consumo e a incapacidade para o silencio e a introspección, pode parecernos que o noso mundo se racha. Outra percepción é posible: na fraxilidade, a inmobilidade e inacción forzosa, cabe interiorizar, crecer, escoitar no silencio e ampliar o horizonte que, entre catro paredes, alcanza dimensións maiores que as posibles desde o alto da montaña.

S. Roque, peregrino que asistía os enfermos curando as súas chagas, pode ser para nós modelo de entrega xenerosa e solicitude polos outros. Xenerosidade que nestes días temos que aprender a experimentar no escrupuloso cumprimento da nosa obriga cidadá a teor das prescricións que emanan das autoridades.

Versión en castelán