O Consello de Asuntos Económicos Diocesano estuda as modificacións orzamentarias necesarias para afrontar a crise do Covid 19

  • No encontro, presidido polo arcebispo, monseñor Julián Barrio, déronse a coñecer as cifras de liquidación do orzamento de 2019

O Consello de Asuntos Económicos do Arcebispado de Santiago reuniuse hoxe na súa sede da Curia Diocesana para analizar distintas cuestións sobre a marcha da economía diocesana. Así, déronse a coñecer as cifras de liquidación do orzamento correspondente ao exercicio de 2019 e examinouse a modificación das contas deste ano 2020 como consecuencia da situación provocada pola crise sanitaria do Covid 19. A reunión estivo presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio.

No informe presentado polo ecónomo diocesano, Fernando Barros, sobre as modificacións no orzamento vixente, indícase que “se fai necesaria unha reformulación orzamentaria que permita ponderar adecuadamente a actuación económica neste convulso exercicio económico”. Segundo as estimacións iniciais, haberá unha redución do 17,06% do orzamento, cun incremento importante da necesidade de financiamento do 43,01%, o que supón volver a niveis do orzamento diocesano de 2013.

Prevese unha redución do 31,28% dos ingresos ordinarios, cunha sensible diminución das achegas dos fieis (un 57,33%); así como unha redución do 13,07% de gastos ordinarios, a pesar do aumento nun 9,14% do apartado de Actividades Asistenciais, xa que este labor increméntase precisamente pola situación derivada da pandemia.

A comisión tivo coñecemento tamén do primeiro avance dun estudo que se está elaborando sobre o impacto socioeconómico da Arquidiocese.

Versión en castelán