O Consello de Cáritas coñeceu o resultado económico e a cesión de locais para os servizos xerais

  • Presentada a Memoria 2018 e o avance para Galicia do informe FOESSA
  • Poñeranse en marcha sistemas de calidade

O Consello de Cáritas Diocesana de Santiago presidido por Jesús García Vázquez, delegado episcopal, entre outros temas foi informado da cesión por parte do arcebispado dun edificio no antigo asilo de Carretas onde se instalarán as dependencias dos Servizos Xerais, tivo coñecemento do informe económico, da presentación da Memoria 2018, da auditoría de contas do último exercicio, dos traballos levados a cabo nas zonas pastorais, e do avance do informe FOESSA no relativo á comunidade autónoma.

A Boa Nova

Da oración inicial encargouse Jesús García Vázquez incidindo na Caridade e a festividade do Corpus Christi “na que lembramos o testamento de Xesús e a súa entrega total”. Insiste en que no centro da súa mensaxe Xesús colocou a dignidade da persoa humana para denunciar as inxustizas e calquera forma de abuso “veña de onde veña”, remarcando que a preferencia das nosas actuacións ten que estar de lado dos máis desfavorecidos. Constatou que se debe traballar polo proxecto humanizador e liberador para ver a Boa Nova “que é o que significa o Evanxeo, como resposta á nosa procura”.

Mencionou que “non é fácil entender a vida como servizo”, deixando constancia de que o individualismo, o consumismo e o egoísmo “están metidos en todas as parcelas da vida humana”.

Fixo fincapé na Mensaxe do papa Francisco con motivo da III Xornada Mundial dos pobres que se celebrará no mes de novembro. No documento o Sumo Pontífice lémbranos que, “os pobres necesitan as nosas mans para reincorporarse, os nosos corazóns para sentir de novo a calor do afecto, a nosa presenza para superar a soidade. Sinxelamente, eles necesitan amor”.

Informou das contas da Igrexa católica a través dunha publicación especial na que se fai balance de onde se destina o diñeiro que se recada anualmente. Sinalou que neste traballo diario están involucrados 17.754 sacerdotes, 40.096 relixiosos e millóns de segrares.

Falou dos traballos formativos que levan a cabo a través da Plataforma de Formación, que se edita e publica na páxina web, e que no seu terceiro número estivo dedicada á semana da Caridade e á Asemblea de Cáritas Internationalis. Concluíu deixando en claro a necesidade de arrouparnos “e, sobre todo, pedir a Deus que nos axude nesta tarefa que emprendemos”.

Datos económicos

O administrador de Cáritas, Manuel Varela de Limia-Neyra durante a súa intervención para informar dos datos económicos sinalou que os resultados “son temporais e operativos”, incidindo en que poden variar “substancialmente ata o peche, en función de como se vaian realizando as previsións de ingresos”.

En canto ás partidas de axudas, colaboracións e voluntariado mantéñense de forma equilibrada con respecto ao orzamento, non é o caso dos gastos de persoal que aumentan un 19% debido, fundamentalmente, á subida anual acordada, ás novas contratacións e ao aumento decretado cos traballadores de A Coruña despois da sinatura do novo convenio.

Nas partidas dos ingresos sinalar que van por baixo do orzado no relativo a socios, achegas, colaboracións, donativos e colectas, e tamén cun descenso con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior. Sobre as subvencións das administracións públicas tamén van por baixo do orzado, “de todos os xeitos temos a impresión de que o proceso se irá igualando ao peche do exercicio”, sinalou.

O director diocesano matizou que á vista dos resultados é necesario “axustar todo o posible os gastos”, mencionando que se teñen que buscar novas vías de financiamento. “Os números e as contas son as que son, o noso labor é denunciar as inxustizas “, mencionou.

Cáritas do Morrazo

O director informou da contestación do director da Cáritas Parroquial de Cangas á carta que se lle mandou anteriormente. Nela dise que non poden cumprir o que se lles pedía porque non teñen diñeiro. O Consello aprobou manter o pago do aluguer do local ata decembro e despois volver tratar o tema para adoptar unha solución.

Exposición na Xunta de Galicia

O Consello foi convidado á exposición de la Xunta de Galicia titulada “Olladas Inclusivas” na que participan as Cáritas Diocesanas de Galicia. A mostra é para visualizar o que se fai na institución de forma gráfica “nunha época tan importante para nós como é a semana da Caridade”.

Sistemas de Calidade

Seguindo a normativa actual Cáritas ten que dispoñer dun sistema de calidade homologado, polo que se están recibindo ofertas para contratar unha empresa. “Temos que axustarnos á sociedade na que vivimos e a nosa intención é que o custo sexa o menor posible”, sinalou o director.

Cáritas e a Cociña Económica

Informouse sobre o convenio entre Cáritas Interparroquial de Santiago e a Cociña Económica, indicando que, como non houbo un acordo, a institución deixará de dar vales para utilizar o servizo de comedor e que non se facía cargo do comedor durante o mes de agosto. O director de Cáritas de Santiago, Luís Calviño Pueyo comentou que “se trata dunha actitude negativa por parte dunha persoa polo que non houbo maneira de chegar a un acordo”.

Sobre este tema sinalouse que partir de agora o único portavoz para responder sobre a decisión tomada sería o director diocesano

Edificio para Cáritas

O director diocesano anunciou ao Consello que o arcebispado fará entrega á Diocesana doutro inmoble no antigo asilo de Carretas para poder trasladar para alí os de Servizos Xerais da entidade. Mencionou que o custo da obra “correrá pola nosa conta”,e espérase que as novas dependencias poidan ser inauguradas en 2021 como despedida do seu mandato de monseñor Barrio.

Xustificou a aceptación destes locais xa que na actualidade Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela está nunhas instalacións que non son da súa propiedade, senón pola cesión temporal da congregación das monxas Xosefinas, e que a cesión finaliza nos próximos anos.

Auditoría

Mouriño Rañó referiuse á Auditoría das contas do exercicio de 2018 sinalando que faltaban datos procedentes de moitas cáritas parroquiais, das que dixo que no momento actual son 302 as integradas na diocesana “No informe-subliñou- preséntase un bo control do traballo realizado e da xestión que se fai”.

Os auditores ao presentar o balance da xestión de Cáritas a finais do ano pasado sinalan entre outras cuestións que “non detectamos deficiencias que puidesen xerar a necesidade de incorporar modificacións substanciais aos estados financeiros”.

Edificio Vagalume

O Conselló deu a súa aprobación á realización de obras de acondicionamento e mellora nas instalacións do edificio onde se alberga o programa Vagalume de Cáritas Diocesana e as Irmás Oblatas. As obras que se van a levar a cabo, sinalou o director diocesano, servirán para poder prestar unha mellor atención ás persoas que acoden ás súas dependencias.

O programa de Vagalume, que é referencia a nivel nacional, está especializado en dar apoio a mulleres en contextos de prostitución ou que son vítimas de trata con fins de explotación sexual. Nas súas distintas áreas de actuación ofréceselles información, asesoramento e acompañamento totalmente gratuíto, confidencial e non discriminatorio.

Zonas Pastorais

Ao entrar no apartado destinado ás Zonas Pastorais falou en primeiro lugar Manuel Mirás Fernández, de Cáritas Ribeira, para sinalar os traballos levados a cabo con motivo das xornadas da Caridade e das achegas que reciben en medicamentos e dunha empresa conserveira.

Lola López Ramos, de Cáritas Arzua constatou a campaña do caravel que levan a cabo para recadar fondos con destino aos máis necesitados da súa zona de influencia.

Rosa García Vilariño, de Cáritas A Coruña, mencionou o traballo realizado entre as empresas da zona para conseguir financiamento económico, mencionando que é importante estar con elas “para darlles a coñecer os recursos sociais corporativos e que deste xeito poidan articular as súas actuacións”.

Francisco Fernández Rodríguez, de Cáritas Arousa, resaltou ante o Consello que a institución que dirixe cumpriu 40 anos e o comedor social tres décadas.

Benjamín Roo Molero, consiliario de Cáritas Santiago fixo fincapé na necesidade de que se debía de potenciar o traballo que se desenvolve a través dos Axentes de Pastoral

Francisco Suárez Calvo, de Cáritas Bargantiños, anunciou a incorporación á Interparroquial de cáritas procedentes dos municipios de Cabanas e Malpica.

Luís Calviño Pueyo, de Cáritas Santiago dixo que o Consello de setembro celebrarase o día 28 en dependencias do complexo Arnela, en Porto do Son, lugar de vacacións estivais para os nenos da diocesana.

Manuel Lois, de Cáritas Pontecaldelas insistiu na importancia de intensificar a formación entre as persoas máis necesitadas. Falou tamén de que era necesario facer reunións entre os integrantes das zonas pastorais.

Memoria

O director diocesano informou da presentación da Memoria 2018, sinalando no aspecto económico que a perda rexistrada asumíaa a Diocesana. Entre os datos que achegou destacou o aumento en 4.667 as persoas atendida (9%, con respecto ao ano anterior) e que no pasado exercicio cifrouse en 51.403. Pola súa banda as atencións practicadas foron 112.1345(14.694 máis). O número der expedientes novos foi de 2.237, e na cadeira de brazos solidaria atendeuse a 196 pacientes. Falou da creación da empresa de inserción laboral no campo da agricultura ecolóxica, AHorta, que conta xa con catro traballadores

No apartado dos datos negativos reflectiu a diminución das colectas (19%), herdanzas e legados (10%) e subvencións de entidades privadas (53%).

Por Áreas de Intervención nos gastos xerados destacan os investimentos económicos realizados en Atención Primaria (2.55.625 euros); Maiores (1.287.494 euros), e Formación e Emprego (681.469 euros). Os gastos de persoal incrementáronse un 10% debido á actualización salarial.

Informe FOESSA

Presentou datos que figuran no Informe FOESSA relativo a Galicia relativos ao ano 2018, e que se presentará publicamente o día 26 de setembro nun acto que se celebrará en Santiago de Compostela e no que participasen as cinco Cáritas Diocesanas

Entre outras cuestións sinálase que na nosa Comunidade Autónoma prodúcese un envellecemento da poboación perdéndose un -2,6 % nese ano. Dáse conta de que o modelo de integración é fráxil: o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria, e contando cunha alta taxa de vulnerabilidade social.

Anunciou ao Consello que cesaba nas súas funcións María Jesús Prieto Toranzo, como directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, que se estaba buscando substitución e que pediu que se aprobase o agradecemento pola xestión realizada.

Deu conta de que a casa de Carril, que foi doada a Cáritas, xa está lista e que se gastaron 15.208,50 euros no seu arranxo.

Comunicou que o día de Persoas sen Fogar será o 27 de outubro, cambiando por tanto de data, que durante a semana faranse varios actos e que o lema é “Estou tan preto que non me ves”.

 

Versión en castelán