O Consello de Cáritas Diocesana reuniuse en Noia

  • O arcebispo agradeceu o traballo que desenvolven voluntarios e técnicos  

Empresas de inserción laboral e Memoria 2017 

O Consello de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela reuniuse por primeira vez fóra da súa sede dos Servizos Xerais. O encontro, celebrado en Noia con motivo da conmemoración dos 850 anos da fundación da localidade, contou coa presenza do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, que ao dirixirse aos integrantes da institución agradeceulles o traballo que desenvolven e pediulles que o sigan facendo para axudar as persoas que máis o necesitan

O informo económico do primeiro trimestre; o convenio co Colexio de Ópticos; a presentación da Memoria 2017; a creación de novas empresas; os resultados da auditoria e os informes dos distintos departamentos e do director, configuraron os capítulos principais da sesión de traballo que se celebrou en dependencias da casa parroquial de Noia.

A acollida e benvida correu a cargo de José Ortoño Fontes, consiliario de Cáritas Parroquial de san Martiño de Noia, que agradeceu a presenza dos conselleiros e de representantes doutras cáritas da zona.

Animou a oración Jesús García Vázquez, delegado episcopal, que nas súas palabras lembrou que “a comunidade cristiá primitiva costoulle traballo descrubrir a Xesús no rostro do outro, do que sofre, porque estaban acostumados a antiga forma de practicar a relixiosidade, ir a Deus sen pasar antes pola relación có irman”.

A incorporación de novas cáritas e a aprobación de contratacións de persoal, ocuparon os primeiros puntos da orde do día, unha vez aprobada o acta da última sesión

Auditoría e informe económico

O director diocesano, José Anuncio Mouriño Rañó deu conta do resultado da auditoria anual de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, sinalando que “non se detectou nada anormal”, pero insistiu en que no informe entregado dáse conta dunha serie de cuestións que se están facendo mal, centrándose fundamentalmente en contas corrente que se detectaron en determinadas cáritas. Volveu lembrar aos conselleiros que “estamos para compartir”.

No informe de revisión limitada das contas anuais de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela dise que non se detectaron deficiencias.

O administrador, Manuel Varela de Limia Neyra presentou o informe económico relativo ao primeiro trimestre do ano. Mencionou que o gasto total diminuíu ao redor de 8% respecto ao mesmo período do pasado exercicio. Indicou que se atopa un 17% por baixo do orzado, sinalando que iso é debido de maneira principal ao recorte en axudas. Fixo fincapé en que o resultado non se xera pola parte do gasto xa que son os ingresos os que van por baixo do esperado. Sobre este particular subliñou que o ingreso total descendeu un 11% respecto ao anterior exercicio, situándose un 26% por baixo do orzado. A previsión, dixo, é dunha recuperación dos ingresos nos seguintes trimestres.

Como datos a destacar referiuse ás partidas de axudas, colaboracións e voluntariado, que diminuíron un 15% respecto ao mesmo período do exercicio anterior; e nos de persoal, que aumentaron un 1%

O resultado, sinalou, é temporal e orientativo, xa que pode variar substancialmente ata ao peche, en función de múltiples variables sobre todo na parte que respecta aos ingresos.

Memoria 2017

Os conselleiros coñeceron de forma pormenorizada os datos que se contemplan na Memoria, lembrando o director diocesano que o gasto se mantivo  nos niveis do exercicio anterior sendo a partida principal a relacionada coas axudas. Os ingresos creceron por encima, un 3%, sendo a partida de herdanzas e a súa execución a principal causa deste incremento

Mouriño Rañó constatou que Cáritas mantén a súa liña de transparencia “se podemos prestar axudas é grazas ás achegas que recibimos da sociedade”. Por este motivo insistiu en que “debemos concienciar a sociedade que ten que cooperar para erradicar a pobreza, non para paliala”.

Referiuse ás Entidades con Corazón das que dixo que están comprometidas co desenvolvemento do benestar social e que axudan a loitar polos valores da xustiza, o respecto e a igualdade.

Empresas

O director falou dos traballos que levan a cabo para a creación de empresas de inserción laboral destinadas ás persoas que se atopan en risco de exclusión social. Mencionou de maneira explícita os resultados alcanzados por Arroupa, creada nos finais do ano 2015, con seis traballadores, e que conta na actualidade con 23. Mencionou que se trata dunha empresa consolidada que persegue a incorporación ao mercado laboral do colectivo de persoas en risco de exclusión

Adiantou que a próxima que se vai crear é unha no sector agrícola en base a hortas ecolóxicas. Unha iniciativa que parte, inicialmente, con hortas en Ordes, Santiago, Vilagarcia, e A Coruña. O director anunciou que para o próximo Consello presentaríase o proxecto xa ultimado e que a empresa comezaría a desenvolver o seu traballo no próximo ano.

Ao mencionar a creación destas empresas referiuse ao traballo que leva a cabo por medio do departamento de Formación e Emprego que atendeu a un total de 4.366 persoas, que os participantes en accións formativas foron 548, e as insercións laborais 960.Indicou que se conseguiu un nivel de colocación do 35%, destacando que se trata dun cociente moi bo “que demostra que se van alcanzando obxectivos e que as persoas poidan ser autónomas por medio dun traballo sen ter que depender de ningún servizo social”.

Presidente de Cáritas

Informou ao Consello da segunda visita do presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón que foi recibido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e visitou centros en Santiago e A Coruña.

Deu conta do proxecto de creación de Cáritas Diocesana da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela na que se integrasen as cinco cáritas diocesanas para elaborar e presentar proxectos conxuntos, e que terá a súa sede central en Compostela. O proxecto de creación será presentado á Conferencia Episcopal Española no plenario do próximo mes de novembro e espérase que entre en funcionamento, superados os seguintes tramites, no próximo ano.

Informou de que a xornada de voluntarios das Cáritas de Galicia celebrarase en Santiago o 23 de febreiro, e que o encontro galego terá lugar en Vigo o día 25 de maio.

Lembrou aos conselleiros a obrigatoriedade de cumprir coa normativa de protección de datos que é unha directiva comunitaria está en vigor desde o pasado mes de maio.

Axudando os necesitados

O director de Cáritas Noia, José Carlos Pérez Oviedo, agradeceu a presenza do arcebispo e dos integrantes do Consello. As concelleiras Ángela Neri e Ana Belén García, fixeron entrega a monseñor Barrio do libro, “Noia, 850 anos de historia documental”, do que é autor Luís Alamancos Papín, e unha lauda gremial do carpinteiro de Ribeira.

O arcebispo de Santiago, despois de agradecer os dous obsequios recibidos, referiuse á colaboración, que cualificou como moi necesaria, entre as institucións da Igrexa, como é Cáritas, e as administracións públicas.

Monseñor Barrio preguntouse que é o que fai a Caridade con aqueles que a están practicando, e agradeceu o traballo que levan a cabo as persoas, voluntarios e técnicos, integrados Cáritas.

Ao referirse á Memoria mencionou que se trata dun documento para coñecer as cifras, as realizacións e o traballo levado a cabo durante todo o ano. Ao referirse o datos dixo que mostran que levaron a cabo menos atencións pero que se investiron máis cantidades económicas para atendelas, pois “as necesidades, a todos os niveis, seguen sendo unha realidade evidente”

Considera que é fundamental que, no traballo que se desenvolve a favor das persoas máis necesitadas, saber onde se vai e como desenvolvemos o noso labor. Insistiu en que nos temos que reflectir nos pobres: “son o espello da Caridade no que temos que mirarnos”. Acto seguido deu por clausurado o Consello desexando aos participantes un feliz retorno aos seus lugares de orixe.

A xornada concluíu entregando a monseñor Barrio, por parte da Cáritas local, do “signo máis prezado”, como dixo Juan Carlos Pérez Oviedo, que é o “Berberecho de Noia”. Entregoulle a distinción José Ortoño Fontes, párroco e consiliario da localidade.

Versión en castelán