“O Fillo de Deus non quere dominar a historia desde posicións de poder”, senón desde “a sinxeleza dunha familia pobre”

  • Monseñor Barrio preside a Misa de Nadal e convida a recuperar nela a forza para afrontar todos os problemas

 O Nadal é a manifestación do misterio do amor de Deus cara a nós. Revela que o Fillo de Deus non quere dominar a historia desde posicións de poder, senón que a quere habitar na sinxeleza dunha familia pobre; non quere utilizar tácticas de forza, senón buscar a concordia lonxe de toda violencia. Por iso, estamos a celebrar un Misterio que marca a historia humana segundo o designio de Deus e esvaecida polo home nas guerras, o terrorismo e a non aceptación dos demais”. Así o indicaba hoxe na Misa de Nadal o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, quen presidiu a Eucaristía na Igrexa de San Francisco. O arcebispo fixo un chamamento a vivir o Nadal desde a certeza de que a “forza de Deus se manifesta na debilidade”. Na figura do Neno que naceu no presebe, dixo, “estamos a celebrar un Misterio que marca a historia humana segundo o designio de Deus e esvaecida polo home nas guerras, o terrorismo e a non aceptación dos demais. Deus no seu Fillo puxo a súa tenda no medio de nós, falando a linguaxe universal do pequeno, do débil, do pobre, que rompe os nosos esquemas”.

“Vivir o Nadal”, comentou monseñor Barrio, “é recuperar a forza para afrontar os problemas da vida diaria, persoal, familiar, laboral e social, como fillos de Deus”. E engadiu que “esta certeza nos infunde ánimo, ensinándonos que o camiño da felicidade pasa pola austeridade, o da paz pola xustiza, o da abundancia pola solidariedade, o da salvación polo amor. O Fillo de Deus fíxose home para redimir todas as situacións humanas: as alegrías, e as tristezas; os éxitos e os fracasos; a saúde rebordante e a enfermidade; os momentos de plenitude radiante e os instantes de dúbidas e perplexidades. Coidemos que a luz de Belén non se apague polos ventos xélidos da indiferenza relixiosa e do relativismo moral”.

Versión en castelán