O informe FOESSA presenta a exclusión e o desenvolvemento social en Galicia

  • Un de cada cinco galegos atópase en situación de exclusión social
  • O elemento de maior exclusión é a vivenda
  • Constátase unha maior feminización da pobreza
  • Reflicte un envellecemento poboacional

O VIII Informe FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento Social en Galicia é un relato do momento de incerteza no que nos atopamos, realizado ao servizo dos nosos decisores políticos e da sociedade no seu conxunto.Ese o froito da investigación realizada pola Fundación FOESSA a través da Enquisa sobre Integración e Necesidades Sociais 2018, reflectindo cales son as características do eixo integración-exclusión social, que van moito máis alá do tradicional modelo de análise centrada na pobreza monetaria e a privación material. Ofrece unha descrición moi detallada en datos que explican a situación das persoas e os fogares en situación de exclusión en Galicia. Unha comunidade con niveis elevados de envellecemento, taxas reducidas de pobreza monetaria e desigualdade de renda, e un gasto social lixeiramente superior á media estatal.

O informe é “un relato do momento de incerteza no que nos atopamos e unha mirada á nosa cohesión social para analizar como vivimos e reaccionamos ante a gran recesión, como estamos a enfocar a saída e cales son as consecuencias da crise na poscrisis”, en palabras de Guillermo Fernández Maillo , coordinador da investigación e membro do comité técnico da Fundación FOESSA, pronunciadas durante a presentación oficial do documento durante un encontro xornalístico que presidiu o bispo de Mondoñedo -Ferrol, monseñor Luís Anxo das Heras Berzal, prelado acompañante das Cáritas en Galicia que animou aos presentes para “superar a secuela que representa a exclusión social”

O director de Cáritas Diocesana de Santiago e   coordinador das Cáritas de Galicia, José Anuncio Mouriño Raño  sinalo que o informe “ é unha  fonte  de referencia fundamental no noso diagnóstico  social e representa o esforzo  que desde Cáritas  facemos por lograr  un diagnóstico  axustado á  realidade  que nos permita  poñer en marcha  actuacións  efectivas  e adaptadas a cada  problemas  en cuestión”.

Poboación envellecida

O contexto demográfico de Galicia caracterízase por unha notable perda de poboación ao longo dos dez últimos anos e que na comunidade caeu un 2,6%. Aprécianse taxas de envellecemento moi superiores á media española, unha reducida capacidade de atracción de poboación inmigrante e unha taxa global de fecundidade tamén inferior á media nacional.

Modelo de integración

Dáse conta de que o modelo de integración é fráxil: o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria, e contando cunha alta taxa de vulnerabilidade social. Case un de cada cinco galegos-470.000- atópase en situación de exclusión social. O 9,1% da poboación-245.858 persoas- está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% -226.946 persoas- en exclusión severa.

A vivenda exclúe

A vivenda é un motor elemental da desigualdade e un factor crave nas dinámicas de exclusión social. En Galicia a dimensión da vivenda pasou a ocupar o primeiro lugar como causa xeradora de exclusión social desprazando ás dificultades relacionadas co emprego, no ámbito das persoas e fogares con maior dificultade. Na comunidade autónoma o 64,9% das persoas en exclusión atópanse afectadas por esta dimensión.

No informe ponse de relevo que o elemento de maior exclusión é a vivenda: o 28,3% da poboación en vivendas inseguras, e o 18,9% en vivendas insalubres.

No relativo aos fogares o 30% de familias numerosas, o 23,3 % de familias con fillos, e o 22% de familias monoparentais, están en situación de exclusión social. Constátase unha maior feminización da pobreza, o 20% dos fogares sustentados por mulleres están en situación de exclusión.

Mercado laboral

A desigualdade no mercado de traballo está a impoñer o discurso de que o éxito final reside na consideración do emprego como un privilexio e non como un dereito. O desemprego, e a precariedade, manifestada en temporalidade, parcialidade e itinerarios cíclicos que alternan períodos curtos de emprego con outros de desemprego, xeran traballadores pobres e excluídos e limitan as posibilidades de integración de moitos colectivos.

Como dato a ter en conta é que o 12,3% das persoas que traballan atópanse en exclusión social en Galicia, e o 3,6% en pobreza severa.

O desemprego, a pesar da súa redución progresiva e de mellorar todos os indicadores relacionados, é unha realidade persistente. A desigualdade no mercado de traballo está a impoñer o discurso de que o éxito final reside na consideración do emprego como un privilexio e non como un dereito. A precariedade laboral converteuse xa nunha forma de vida estrutural na nosa sociedade.

Reflíctese que a taxa de traballadores pobres é do 12,2 %, e do total da poboación excluída, 4 de cada10 está a traballar, o cal rompe a idea de que un posto de traballo e un salario saca ás persoas das situacións de exclusión.

Os datos da Enquisa FOESSA sosteñen que cando un nace e se cría nun fogar con escasos bens materiais e con ingresos reducidos aumentan as probabilidades de herdar a exclusión, a que, desde a infancia, continúa limitando as capacidades das persoas menos afortunadas

Aumenta a desigualdade 

No relatorio conxunto titulado “A sociedade desordenada e insegura. Riscos globais aos que nos enfrontamos”, presentada por Raquel Martínez Buján e Antonio Izquierdo Escribano, profesores da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, profundaron sobre a crise financeira, a perda de emprego e as políticas de austeridade experimentadas na última década. Sinalaron que todo isto orixinou e impulsou “o aumento da desigualdade social”.

Consideran que se trata dun crecemento insano, e que a puxanza da desregulación no marco económico e laboral “meteunos como sociedade nun estado de inseguridade e escaseza como forma de vida. A precariedade está a configurarnos como ser social e nos descompromete coa vida en común”.

Os relatores incidiron en que crece a precariedade vital, existencial e cívica. “Este sentimento de inseguridade acrecéntase no fogar, nas relacións interxeracionais, na actividade laboral e na insatisfacción coa democracia”. Insisten en que nos ámbitos máis básicos da vida social domina a temporalidade, a ruptura, a falta de cooperación e de reciprocidad, “a sensación de non sentirse un actor responsable do discorrer colectivo. Saímos da crise máis impositivos e menos dialogantes”, conclúen.

Amplo equipo

O VIII Informe FOESSA sobre exclusión e desenvolvemento social en España foi elaborado por máis de 500 persoas, integradas nun equipo de investigación comprometido coa realidade das persoas máis excluídas: 125 investigadores de 30 universidades, 13 organizacións de acción e investigación, e un equipo de encuestadores profesionais de máis de 350 persoas que coñeceron a fondo a situación dos entrevistados e a súa vida cotiá ao servizo da investigación.

Para analizala a exclusión social utilizáronse 35 indicadores que miden a participación no emprego, na capacidade de renda, no acceso a dereitos básicos como son a vivenda, a saúde, a educación, participación política, e que miden a ausencia de lazos sociais e as relacións sociais conflitivas

Fundación FOESSA

A Fundación FOESSA (Fomento de Estudos Sociais e Socioloxía Aplicada) constituíuse en 1965, co impulso de Cáritas Española para coñecer de forma obxectiva a situación social de España. Foi pioneira na introdución da investigación empírica a través dos informes sobre a situación e o cambio social de España que sinalan a importancia de coñecer a situación do noso país a través da análise dos procesos, as estruturas e as tendencias que marcan a evolución social. Desde o ano 1995 enfócase no desenvolvemento e a exclusión social en España e nas Comunidades Autónomas.

Versión en castelán