O Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas abre a súa matrícula para o presente curso

O Instituto Superior Compostelán (ISCCR) ultima os preparativos para impartir, un ano máis, a súa ampla oferta formativa, de rango universitario e, polo tanto, homologable polo Ministerio de Educación. O currículo está orientado sobre todo a dotar aos alumnos dos coñecementos precisos para participar con garantías da común e ineludible misión pastoral da Igrexa.

Para facilitar o acceso a esta formación, ofrécese a posibilidade de cursar materias soltas, e inscribirse ben en modalidade de alumno oficial ou mesmo acudir como oínte. Ademais, o centro conta coa posibilidade de cursar algunhas das súas materias de maneira totalmente online e a través de titorías virtuais.

Formación universitaria para o profesorado de relixión e moral católica na escola

Unha das ofertas formativas do ISCCR é o Bacharelato e a Licenciatura en Ciencias Relixiosas. Orientado sobre todo a titulados universitarios, facúltaos para ser profesores de Relixión e moral católica na escola estatal, concertada e privada, tanto nos niveis de Educación Infantil e Primaria, como en Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

Tamén se ofrece por parte do Centro os cursos para a obtención da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA). O ISCCR conta tamén coa posibilidade de realizar cursos aos profesores de relixión que xa concluíron a súa formación inicial e están xa exercendo a súa docencia co fin de ofrecerlles unha formación continua e permanente.

Formación para o diaconado permanente

O ISCCR tamén ofrece a formación teolóxica dos aspirantes e candidatos ao Diaconado Permanente. Unha formación imprescindible e urxente para dar resposta aos desafíos que expoñen a nova evanxelización e a Igrexa en saída propugnada polo Papa Francisco. A fin de facilitarlles a conciliación da súa vida laboral e familiar, habilitouse para estes alumnos unha modalidade de formación de tipo semipresencial, na que se combinan as clases presenciais na aula con outras ‘on-line’ a través dunha plataforma dixital de aprendizaxe e as titorías online.

Formación para os diversos ministerios e servizos pastorais dentro da igrexa

Segundo a identidade do ISCCR, que pretende a formación teolóxica no seu sentido amplo para o desempeño das distintas misións pastorais da Igrexa, a oferta formativa do Centro diríxese tamén aos relixiosos non sacerdotes, relixiosas, catequistas e candidatos aos ministerios laicales de lector e acólito, todos os cales están chamados a desempeñar diversos oficios e responsabilidades na misión pastoral da Igrexa.

Neste ano académico, dun modo especial, o Centro convida a todas as persoas que participaron durante estes anos pasados na Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP) a inscribirse a algúns dos cursos que se ofrecen para non perder a tensión formativa e seguir afondando no rico misterio da fe cristiá e a súa transmisión.

Curso de actualización teolóxico-pastoral

Como vén sucedendo desde o últimos seis anos, o Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas e  a  Escola  de Teoloxía  de Segrares,  en colaboración coa Asociación Católica de Propagandistas, organiza unha nova sesión do “seu Curso de actualización teolóxico-pastoral”.

Exponse como cursos de formación permanente, cuxo fin é ampliar e mellorar a formación teolóxica, pastoral e espiritual dos diferentes membros da Igrexa diocesana, tendo en cuenta os actuais retos da Nova Evanxelización. Pretende ofrecer, polo tanto, un estudo multidisciplinar onde abordar temas variados con gran incidencia nos diversos ámbitos da formación cristiá.

O ciclo de conferencias deste ano, titulado Un novo Directorio para a Catequese e a nova evanxelización. Lectura e claves de fondo, realizará unha lectura deste novo documento eclesial, elaborado polo Consello Pontificio para a Promoción da Nova Evanxelización e publicado o pasado 25 de xuño. Trátase do terceiro documento destas características no período post-conciliar do Vaticano II. Para o curso contarase con algúns dos maiores expertos neste campo, e algún dos cales participaron directamente na súa elaboración.

Terán lugar de maneira telemática os mércores do mes de novembro (días 4, 11, 18 e 25) en horario de 19:00-20:15h. A súa participación é totalmente gratuíta. Nos próximos días publicarase a formación correspondente.

Informacións e matrículas

O ISCCR manterá aberto o prazo de matrícula durante todo o mes de setembro. As clases comezarán o martes 29 de setembro na aula da Coruña e o mércores 30 na aula de Santiago de Compostela.

Para máis información, pode consultar a nosa páxina, https://www.itcdesantiago.org/isccr. Tamén pode chamar ao tfno 981.58.62.77 (atende María José), escribir un correo a secretariocr@itcdesantiago.org . ou acudir persoalmente á sede do ISCCR no edificio de san Martiño Pinario, Praza da Inmaculada 5, en Santiago de Compostela. O horario de atención aos alumnos é de luns a venres de 09:00 h-13:00 h; ou de martes a venres de 18:00 h – 20:00.

 

Versión en castelán