O ITC lanza para o ano académico 2020/21 un curso on-line sobre “O Feito Xacobeo: espiritualidade, patrimonio e turismo”.

O Instituto Teolóxico Compostelán presenta para o próximo curso académico 2020-21 o curso on-line O Feito Xacobeo: espiritualidade, patrimonio e turismo. Sen dúbida, o fenómeno das peregrinacións está presente en todas as culturas e relixións desde o inicio da civilización humana. A peregrinación é procura de sentido e por iso seguirá sendo relevante nun mundo post COVID-19.

Nos últimos anos a peregrinación a Santiago de Compostela adquiriu unha dimensión globalizadora; así o demostra o número e procedencia dos peregrinos. Esta titulación pretende ofrecer un coñecemento e medios axeitados para entender e conservar este fenómeno nas súas tres dimensións fundamentais: o seu profundo sentido humano e espiritual, a conservación do patrimonio que xerou, e o seu impacto no turismo.

Quen pode cursar este título experto?

Nesta titulación pódese matricular calquera persoa, tanto de España como do estranxeiro, a condición de que se cumpran os requisitos de acceso. Trátase dun título propio da Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA), centro ao que está agregado o Instituto Teolóxico Compostelán (ITC).

Cales son os requisitos de acceso?

É necesario ter estudos universitarios completos. Tamén poden matricularse aqueles alumnos de España que estean a piques de finalizar a súa titulación universitaria.

Para os titulados alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, é necesaria a comprobación previa de que acrediten un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois. O candidato debe presentar un certificado do plan de estudos oficial e un certificado que acredite que o seu título permite acceder a posgrao no seu país.

Como son as clases?

O curso on-line realizarase a través do campus virtual do centro. Unha vez que o alumno se matricule, facilitaránselle as claves de acceso. As clases de cada materia estarán gravadas no campus virtual coa ferramenta de Google Meet. Desta forma o alumno poderá visualizalas cando queira. Xunto coas clases, cada materia terá unha serie de actividades titorizadas polo profesor.

Hai que realizar un traballo final?

Si. É obrigatorio aprobar todas as materias e elaborar un Traballo Fin de Experto, que será dirixido por un dos profesores da titulación. As normas e criterios para elaboralo aparecerán na guía do alumno.

Cal é a duración do curso?

O curso comeza o 21 de setembro de 2020 e finaliza o 26 de febreiro de 2021.

Como solicitar unha praza de admisión?

O primeiro paso é encher o formulario de solicitude de praza na nosa web:  https://itcdesantiago.org/experto-o-feito-xacobeo/solicitude-praza

A continuación, poñerémonos en contacto contigo por correo electrónico para formalizar esta reserva. O número de prazas é limitado.

 Cal é o prezo?

O prezo do curso son 900€. O pago pode fraccionarse en tres prazos.

Máis información?

Na nosa web, no noso blogue  ou escríbenos a secretariatex@itcdesantiago.org.

Poster (PDF)

Folleto informativo (PDF)

Versión en castelán