O misioneiro Andrés Díaz de Rábago pronuncia o Pregón do Domund

  • No acto estaban presentes o arcebispo, monseñor Barrio, e o seu bispo auxiliar

O xesuíta Andrés Díaz de Rábago, misioneiro de 102 anos de idade, pronunciou na tarde deste venres 18 de outubro o Pregón do Domund. «É un mozo que non para un minuto», indicou na presentación do pregoeiro David Álvarez, delegado de Misións e responsable das Obras Misionais Pontificias na nosa Arquidiocese. O padre Díaz de Rábago aludiu no seu pregón ao lema do Domund deste ano, «Bautizados e enviados», asegurando que polo Bautismo «todos somos misioneiros».

O Pregón celebrouse na igrexa parroquial de Santa María Salomé e no acto estaban presentes o arcebispo, monseñor Julián Barrio, e o seu bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González. Tamén participou neste encontro Adelino Álvarez, responsable  das Misións na Diocese de Ourense e coordinador desta materia na Provincia Eclesiástica de Santiago.

David Álvarez na presentación de Andrés Díaz de Rábago lembrou que nacera en Pobra do Caramiñal e aludiu ao seu «labor intenso» como misioneiro desde 1947 en China e noutros países dr Extremo Oriente.

Pola súa banda, o misioneiro xesuíta, que fixo gala dunha prodixiosa memoria e un excelente bo humor, repasou a súa traxectoria en Pequín, Sanghai, Filipinas, Timor e Taiwan. Explicou que o lema deste ano, «Bautizados e enviados», debíanos lembrar o noso Bautismo, grazas ao cal e a través da auga e o símbolo da luz inserímonos en Cristo resucitado e somos enviados a anuncialo. «Todos somos misioneiros polo Bautismo», explicou.

Andrés Díaz de Rábago, nun xesto emocionado e emocionante, mostrou aos asistentes ao Pregón o seu crucifixo, «que me acompañou sempre desde o ano 1942», para expresar que desde aquela data el fora «enviado». O misioneiro manifestou que Cristo «sempre estivo comigo», para indicar a continuación que «o problema é se nós estivemos con El».

Andrés Díaz de Rábago asegurou, citando a san Paulo, que o máis importante de ser misioneiro «é a oración», a propia e a oración polos misioneiros. O sacerdote xesuíta pediu a todos que se deixasen interpelar polo lema, «para que este Domund nos diga algo a todos».

O acto, que estivo amenizado por varias interpretacións musicais finalizou coa intervención de Adelino Álvarez, quen falou sobre a orixe e o significado do Domund, e co rezo da oración do Domund e a bendición do arcebispo, monseñor Barrio.

Versión en castelán