O novo bispo de Astorga levou a cruz pectoral que lle regalou a Arquidiocese de Compostela e entregoulle monseñor Barrio o día da súa toma de posesión

O novo bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández González, ata hai pouco máis dun mes bispo auxiliar de Santiago de Compostela, recibiu o pasado sábado, día da súa toma de posesión como bispo asturicense, unha cruz pastoral de mans do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, como agasallo da Arquidiocese santiaguesa ao novo bispo de Astorga. Monseñor Jesús Fernández luciu a cruz pectoral ese mesmo día da súa toma de posesión. Tal e como se recolle na información publicada na páxina diocesana de Astorga, don Jesús saía o pasado sábado día 18 de xullo do seminario de Astorga cara á catedral ás 10:30 h. acompañado do Nuncio da súa Santidade en España, Mons. Bernardito Auza, do Administrador Diocesano, D. José Luis Castro; do arcebispo metropolitano, Mons. Jesús Sanz e de Mons. Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela.

O bispo electo chegaba á SA.I. Catedral de Astorga onde foi recibido polo cabido catedralicio. Unha vez no interior do templo, o deán ofreceulle o Lignum Crucis para que o bicase, e logo presentoulle o aspersorio, con auga bendita, co cal o bispo electo asperxeuse a si mesmo e aos presentes.

Inmediatamente, Mons. Jesús Fernández visitaba a tumba do seu predecesor Mons. Menéndez e a continuación realizaba uns instantes de oración ante o Santísimo e a tumba de Mons. Lorenzo, falecido fai cinco días.

Antes de comezar a celebración o Administrador Diocesano, D. José Luis Castro, facía entrega ao bispo electo de Astorga do anel pastoral que é tradición que regale a diocese ao novo prelado o día da súa toma de posesión.

A Eucaristía daba comezo co canto de entrada. A procesión de entrada estaba presidida polo nuncio apostólico con báculo. O bispo electo ía no centro. Unha vez venerado e incensado o atar, Mons. Bernardito Auza, que presidía, ocupou a cátedra episcopal e o bispo electo unha sede auxiliar.

A continuación o administrador diocesano, D. José Luis Castro facía a alocución de entrada e seguidamente o nuncio apostólico mandaba que se dese lectura ás Letras Apostólicas de nomeamento do novo bispo. O Secretario-Chanceler, F. Javier Gai, mostraba ao Colexio de Consultores as Letras Apostólicas e a continuación líaas.

Mons. Auza convidaba o bispo electo a sentar na cátedra. Este tomaba asento con mitra e o nuncio apostólico entregáballe o báculo. Deste xeito tomaba posesión da diocese.

Acto seguido, unha representación da diocese achegábanse ao bispo para manifestarlle obediencia e respecto: un membro do Cabildo, dous presbíteros do clero diocesano, un relixioso e unha relixiosa, dous seminaristas, dous mozos e unha familia.

Tras a lectura da Liturxia da Palabra, o xa Bispo de Astorga número 138 pronunciaba a súa homilía. Ao finalizar a celebración, D. Jesús pasaba por todos os corredores da sé impartindo a bendición.

Versión en castelán