O bispo auxiliar convida a arciprestes e párrocos a animar os seus fregueses para participar no encontro de familias e noivos

O bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, a través dunha carta aos sacerdotes da Arquidiocese, convida os arciprestes e párrocos a animar “os seus fregueses para asistir” ao encontro que o próximo día 21 de setembro terá lugar no Seminario Menor, dirixido ás familias e aos noivos, para “Vivir a alegría de ser familia”.

Este é o texto da carta escrita polo noso bispo auxiliar:

Carta a Sacerdotes da Diocese

Queridos irmáns e amigos:

O próximo día 21 de setembro a Diocese celebrará o primeiro encontro de familias e noivos, un día para “VIVIR A ALEGRÍA DE SER FAMILIA”.

A Igrexa quere estar preto de todas as familias, tal como son. Queremos construír e consolidar na nosa Diocese un espazo para noivos, matrimonios e familias: estar e camiñar con eles, acompañalos e axudalos pacientemente para que poidan chegar algún día a realizar o soño de Deus, sendo sacramento do seu amor no mundo (cf. Ao 122).

O encontro será no Seminario Menor de Belvis, de 11 a 18.30 h. Nel, non faltará tempo para a acollida, a presentación, a motivación do encontro e o compartir en grupo; tampouco para o descanso e a diversión educativa. Todo iso enmarcado nun contexto que vai da oración inicial á Eucaristía final presidida polo noso Arcebispo D. Julián. Para reparar as forzas, cada familia levará a comida que poderá ser compartida.

Para facilitar as cousas a aquelas familias que teñan nenos, haberá servizo de gardería e actividades especiais para eles. No festival da tarde contaremos coa actuación do mago Alexis.

É moi importante que os arciprestes e párrocos animen os seus fregueses a asistir a este encontro e se é posible organicen a viaxe en grupo por zonas ou parroquias limítrofes.

Encomendade xa desde agora esta actividade ao Señor. Que Deus vos bendiga, un saúdo fraterno.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago

 

Versión en castelán