O bispo auxiliar celebrará este domingo unha Misa Solemne na que se bendirá unha imaxe da mártir e beata sor Isabel Remuiñán, en Seavia

O bispo auxiliar de Santiago, monseñor Jesús Fernández González, asistirá este domingo día 10 de novembro en Seavia, en Coristanco, a unha Misa Solemne en honra da mártir da persecución relixiosa en España en 1936, e xa beata, sor Isabel Remuiñán, relixiosa das Franciscanas Misioneiras da Nai do Divino Pastor. Na cerimonia eucarística, ademais, descubrirase e bendirá unha imaxe que a representa.

Nunha información publicada na publicación comarcal adiantegalicia.es indícase o seguinte:

“¡En canto suba ao tren, non vai pasar nada!” respondeu Isabel Remuiñán ao seu pai na estación de tren da Coruña. Ao poñerse o hábito de monxa, fora increpada en plena rúa. Non tardou moito en aparecer morta lonxe da súa terra natal. En Madrid. No convulso ano 36.

No certificado de defunción aparece como morta por ferida de bala. Outras fontes apuntan a que foi apedreada. E existe a versión de que o seu corpo foi esnaquizado ao atarse a dous camións distintos que arrincaron en sentido contrario.

Pertencía á congregación das Franciscanas Misioneiras da Nai do Divino Pastor. Nacera no lugar de Amboade, na parroquia de Seavia, en Coristanco. Unha vítima do despropósito e do odio á fe.

Foi beatificada en 2013. Na “Positio” que defende a súa causa “lémbrana como unha relixiosa piadosa, compendio de virtudes, exacta na observancia da Regra, sempre ocupada, xamais ociosa, que soportou con heroica fortaleza a súa enfermidade, sen queixarse nunca, con humildade e espírito de sacrificio”. O párroco e parente seu, don Antonio Carracedo lembrábaa como “unha persoa de carácter, de constancia, de enerxía e decidida”.

Aínda que desde hai anos cada segundo domingo de novembro se celebra unha festa na súa honra, o próximo 10 de novembro será un día especial. Na mesma igrexa de san Mamede de Seavia, onde foi bautizada en 1876, o Bispo auxiliar don Jesús Fernández presidirá unha misa solemne na súa honra e descubrirá e bendirá unha imaxe que a representa.

Foi elaborada polo taller Arte Granda de Madrid, e colocarase nun lateral do retablo principal do templo. Será un día de alegría, emoción e no que se cumpre cunha homenaxe merecida, para seguir lembrando á beata Isabel Remuiñán Carracedo. O párroco de Seavia, don Manuel Maio Romarís, certifica o bo ambiente e a devoción que existe a esta relixiosa, aínda que non renuncia a facer un esforzo de divulgación sobre esta personaxe.

Para máis información sobre esta mártir e outros dous mártires da nosa Arquidiocese beatificados en 2013, o capuchino Fernando Olmedo Reguera e sor María Luisa Bermúdez, Filla da Caridade véxase o dossier adxunto, publicado nas nosas páxinas diocesanas en 2013:

Versión en castelán