O bispo electo de Astorga agradece os “momentos inesquecibles” vividos na súa etapa de bispo auxiliar de Santiago

  • Monseñor Fernández González escribe unha carta de despedida e agradecemento aos diocesanos

O bispo electo de Astorga, monseñor Jesús Fernández González, ata o de agora bispo auxiliar de Santiago, escribiu unha carta de despedida e agradecemento aos sacerdotes, diáconos, consagrados e laicos da Igrexa diocesana de Santiago. Nela indica, entre outras cousas, que “xunto a sacerdotes, diáconos, consagrados e laicos vivín momentos inesquecibles nos Retiros, nas reunións de formación, nos encontros persoais… Non se borrarán da miña memoria as sesións sinodais, as visitas pastorais, as celebracións”.

Este é o texto íntegro da devandita carta do bispo electo de Astorga, que tomará posesión da súa diocese o próximo día 18 de xullo:

 

Carta aos sacerdotes, diáconos, consagrados e laicos da Igrexa diocesana de Santiago

Queridos irmáns e irmás en Cristo:

O pasado 10 de decembro celebrábase o aniversario da miña elección como Bispo Auxiliar de Santiago por parte do Papa Francisco. Seis anos e medio despois, noméame Bispo de Astorga. Ao concluír o meu ministerio nesta querida Diocese, diríxovos esta carta de recoñecemento, gratitude e despedida.

Hai momentos na vida en que temos de facer como o maquinista do tren que, para cambiar de vía, fréao e mesmo o para. É o que fixemos coa nosa vida durante o pasado confinamento e é o que fago tamén eu agora.

Ao mirar cara atrás, rememoro a miña entrada na diocese, así como a acollida fraterna e o acompañamento próximo do noso querido arcebispo D. Julián. Durante estes anos, gocei do seu testemuño crente, da súa sabedoría e das súas constantes atencións. Doulle as grazas de corazón.

Así mesmo, nesta mirada retrospectiva, manteño vivo o recordo da vosa hospitalidade, iniciativa e responsabilidade; do voso espírito de familia, fe e amor ás tradicións. Xunto a sacerdotes, diáconos, consagrados e laicos vivín momentos inesquecibles nos Retiros, nas reunións de formación, nos encontros persoais… Non se borrarán da miña memoria as sesións sinodais, as visitas pastorais, as celebracións…

Na Bula da elección como bispo auxiliar desta Diocese, o Papa Francisco dicíame: «Desexamos de corazón que, sempre unido estreitamente ao Arcebispo, traballes pola Igrexa Compostelá. Ademais, ten por certo que non che haberá de faltar a axuda do Apóstolo Santiago, patrón celestial de España ante Deus». Humildemente hei de dicir que é o que tratei de facer en todo momento. Pero, sendo consciente da miña fraxilidade, pido perdón ao Señor polos meus pecados e tamén a aqueles irmáns que se sentiron desatendidos ou, mesmo, non debidamente tratados. Por outra banda, o bo que puidese facer non o consideredes mérito meu, senón do Señor que é o que fai crecer a semente: «A El a gloria polos séculos» (Rm 11,36).

Xunto á gratitude ao Señor e á Igrexa diocesana, vaia tamén o meu agradecemento ás autoridades civís, militares, xudiciais e académicas, membros da curia e do presbiterio, cabidos catedral e colexial, comunidades relixiosas e demais Institutos de Vida Consagrada, Seminarios diocesanos, movementos, asociacións e grupos de Apostolado seglar. Podo dicir que me sentín querido e apoiado por todos. Que Deus volo pague. Por outra banda, sinto que as normas sanitarias teñan limitado a vosa presenza no acto de despedida e limitarana no de entrada na nova Diocese.

O Señor e a súa Igrexa envíanme agora a pastorear a diocese de Astorga; por ela traballarei e a ela entregareime. Por favor, non deixedes de rezar por min. Lévovos na mente e no corazón. Sempre estaredes presentes nas miñas oracións. Que o Señor, pola intercesión da Virxe María e do Apóstolo Santiago, atéiguevos de bendicións. Un saúdo fraterno.

+ Jesús, Bispo Electo de Astorga

Versión en castelán