O Seminario Menor convida a unha xornada de portas abertas o próximo día 19 de marzo

  • Un fermoso edificio que segue sendo un gran descoñecido para a maioría, e polo que pasaron distintas personalidades

Quizá moitos composteláns escoitaron falar do Seminario Menor de Santiago, pero, con todo, segue sendo un gran descoñecido para a maioría.

O gran edificio de Belvís, dedicado a Nosa Señora da Asunción (por ser nos anos da súa construción cando o Papa Pío XII proclamou dito dogma mariano), xorde na década dos anos 50 como a obra estrañada do cardeal Quiroga Palacios, para dar cabida aos centos de seminaristas que xa non cabían nos muros de San Martiño Pinario.

Co desexo de que nesta gran casa puidesen tamén iniciar os seus estudos os máis novos, pasaron polas súas aulas miles de mozos de toda a xeografía galega que hoxe ocupan distintos postos tanto no ámbito eclesial como noutros ámbitos da nosa sociedade.

Na actualidade, o Seminario Menor segue promovendo esa mesma educación entregada e personalizada que sempre o caracterizou, acollendo nas súas aulas a algo máis de 70 alumnos. Xunto a ese fin primeiro e orixinal, o edificio tamén alberga outra serie de institucións como o Albergue de peregrinos (con máis de 300 prazas) ou o colexio de primaria Casa do Neno.

Coa idea de que a nosa cidade poida coñecelo por dentro, e con motivo do Día do Seminario que a Igrexa organiza en toda España ao redor da festa de San Xosé, este próximo martes día 19 de marzo terá lugar unha xornada de portas abertas para coñecer en detalle as súas instalacións. O salón de actos, a biblioteca, o comedor, as habitacións, a torre, os espazos musealizados ao redor das Ciencias ou ao cardeal Quiroga Palacios, etc. serán algúns dos lugares que se poderán coñecer. Tamén será a oportunidade de visitar por última vez a exposición sobre o Pórtico da Gloria e os seus instrumentos que a Fundación Catedral de Santiago cedeu temporalmente a esta institución con motivo da súa Semana Cultural.

Haberá dous pases abertos este martes: ás 11:30 e ás 17:00. Se algún grupo quixese solicitar un pase particular, deberá poñerse de acordo chamando ao teléfono 981589200 en horario de mañá.

As orixes do Seminario de Santiago

Podemos dicir que a idea dos seminarios tal e como os entendemos hoxe, xorde das deliberacións do Concilio de Trento, que anima encarecidamente as dioceses para crear centros específicos para a formación de futuros sacerdotes. Seguindo dita exhortación fúndase na nosa diocese o Seminario Conciliar de Santiago.

A súa primeira localización, seguindo os desexos do arcebispo Frei Rafael de Vélez, será o edificio san Clemente, hoxe en día IES Rosalía de Castro, xunto á Alameda da cidade do Apóstolo. No ano1866, o cardeal García Costa considerou que o Seminario debía trasladarse xunto á catedral, ao antigo mosteiro beneditino de san Martiño Pinario, sen actividade relixiosa tras a desamortización.

A pesar de tratarse do terceiro edificio histórico máis grande de España, tras o Palacio Real de Oriente e o mosteiro de San Lorenzo del Escorial, axiña o espazo será insuficiente. Lembremos que estamos a falar dun dos seminarios máis numerosos do orbe católico.

Os seminaristas menores instaláronse, por tanto, en san Roque (hoxe en día, CSIC Padre Sarmiento), atendidos polo mesmo equipo de san Martiño. Era imprescindible, por conseguinte, un edificio para o Seminario Menor. Con este fin o cardeal Quiroga Palacios convocou unha Asemblea de Sres. Arciprestes en 1951 para tratar desta cuestión.

Emprazamento

O Seminario Menor debía de estar moi próximo aos sagrados restos do Apóstolo e, por outra banda, situado nun lugar despexado, amplo, asollado e cheo de luz. Despois de sopesar todas as posibilidades, apareceu como emprazamento ideal o cotaelo de Belvís: ao norte, o santuario da Virxe do Portal e o convento das MM. Dominicas; ao sur, a Colexiata de Santa María a Real de Sar; ao oeste, unha magnífica vista da cidade; e ao nacente, o val polo que discorre o río Sar.

O proxecto

Encoméndanse os planos do futuro edificio ao arquitecto D. José Mª de la Vega Samper, quen xa dirixira a construción dunha vintena de Seminarios en toda España. O emprazamento, as necesidades e algunhas modificacións do edificio, foron estudados por unha comisión designada para o efecto.

En 1952 solicitouse de novo a opinión dos Sres. Arciprestes, posto que o gran número de alumnos ao que estaba destinado o novo seminario, facía que as obras se orzasen nunha cantidade que pasaba os 20 millóns de pesetas.

Iniciouse así a empresa, nada fácil, de buscar os recursos económicos necesarios. Pouco podía esperarse do erario diocesano, inmerso en multitude de obras de reparación e construción como a Casa Diocesana de Exercicios Espirituais, obras de mellora nas aulas e a biblioteca de San Martiño Pinario, etc.

Recorreuse á axuda do Estado, que, aínda que non na contía necesaria, axudou para o inicio das obras. Así mesmo utilizouse o recadado na Arquidiocese con motivo da exaltación de Don Fernando Quiroga ao cardenalato, ademais dos donativos de sacerdotes e fieis.

Ponse desta maneira en marcha a que, en palabras do propio Cardeal, é a obra máis importante da Diocese, imposible de realizar sen as xenerosas cooperacións de sacerdotes, relixiosos e relixiosas, irmandades, confrarías, homes de empresa e de todos os habitantes da Diocese.

A primeira pedra, os primeiros cursos

O 7 de xaneiro de 1953, reformúlase o edificio e empeza o movemento de terras. O 26 de febreiro convidados polo Sr. Cardeal, visitan as obras os representantes da prensa e da radio da Arquidiocese.

O primeiro de marzo, festa do glorioso prelado compostelán San Rosendo, rodeados do Clero da cidade, das Autoridades e de multitude de fieis, o Cardeal coloca a primeira pedra do edificio.

Despois de tentear a diversas empresas construtoras, outorgouse a obra á empresa Cachafeiro, que acababa de construír o Seminario de Ourense. Púxose á fronte da obra un aparellador de primeira, don Antonio Fernández Durán, e a Arquidiocese nomeou como Delegado responsable a don Arturo Longa Bermúdez. Detrás andaba o señor Cardeal, don Fernando, que, se estaba en Santiago, todas as tardes visitaba as obras, e estimulaba o aparellador e os obreiros.

O 8 de agosto é formigonada a primeira placa do novo edificio, que corresponde ao piso do primeiro andar. Case en tempo record, o 30 de setembro de 1955, ingresarán no edificio a primeira promoción de alumnos. Trátase de 224 mozos, co seu respectivo equipo de formadores, que corresponden aos primeiros cursos de Humanidades. Previamente o Cardeal bendí o salón de actos que, provisionalmente, servirá de capela durante o curso e nomea a Mons. José Cerviño primeiro reitor do Seminario Menor de Santiago.

Axiña os alumnos superarán o milleiro e no curso 1956-57 son xa 1.124 os seminaristas que asisten ao centro.

O 2 de outubro de 1957, o Nuncio da súa Santidade, Monseñor Antoniutti, acompañado do Sr. Cardeal, de mons. Novoa e das autoridades provinciais e locais, procede á bendición do complexo, que será solemnemente inaugurado o 10 de setembro de 1958, día de san Pedro de Mezonzo, prelado e bispo desta Diocese.

Superficie

A superficie total edificada é de 5.817 m2.

  • En xardíns, patios interiores, paseos e campos de deportes hai 35.408 m2.
  • Dedicados ao cultivo 10.128 m2. En total: 51.355 m2.
  • O edificio consta de catro andarres e medio (este inferior aproveitando o desnivel).
  • Os metros de construción son os seguintes:
  • Andar inferior: 3.310 m2 para recreos cubertos, calefacción, lavadoiros, etc.
  • Andar baixo: 5.512 m2 para capela, salón de actos, aulas, comedores, etc.
  • Andar primeiro e segundo: 4.298 m2 cada un, para dormitorios.
  • Andar terceiro: 3.296 m2 para dormitorios.
  • En total: 20.714 m2
  • Nos andares primeiro e segundo había 285 cuartos individuais, 195 camas en dormitorios corridos con separación, e 36 en dormitorios sen separación, Total 516.
  • Aparte había unha sección para superiores con 18 habitacións, outra sección para as relixiosas con 12 habitacións e dous amplos dormitorios para o servizo con 5 camas cada un.
  • E o máis importante: que por aquel entón, xa parecía insuficiente.
  • O Seminario dedicouse á Nosa Señora da Asunción, porque, mentres se construía, tivo lugar a definición dogmática.
  • A estatua que preside a torre foi tallada en pedra polo escultor Francisco Asorey.

A Igrexa ocupa o centro do edificio, para que os seminaristas saian de aquí coa idea de que deben lograr que a súa igrexa futura sexa o centro da súa parroquia.

Algúns alumnos destacados

No ámbito eclesial, formaron parte das súas aulas:

  • D. Luís Quinteiro Fiuza (actual bispo de Tui-Vigo)
  • D. Leonardo Lemos Montanet (actual bispo de Ourense)
  • D. José Diéguez Reboredo (bispo emérito de Tui-Vigo)
  • D. José Cerviño Cerviño (falecido, bispo emérito de Tui-Vigo)
  • D. Eugenio Romeu Pouse (falecido, bispo auxiliar de Madrid)
  • D. Francisco Froján Madeiro (agregado da Sección para as Relacións cos Estados da Secretaria de Estado da Santa Sé)
  • Numerosos sacerdotes que traballan pastoralmente tanto na diocese compostelá como noutras españolas e latinoamericanas.

No ámbito político

  • D. José Luis Barreiro Rivas (Vicepresidente de la Xunta de Galicia nos gobernos de Fernández Albor e González Laxe)
  • D. Manuel Regueiro Tenreiro (exdirector xeral de Política Lingüística)

No ámbito académico

  • D. Agustín Dosil Maceira (catedrático de Psicoloxía)

No ámbito empresarial

  • D. José Montes Pérez, presidente de Feiraco e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).
Versión en castelán